Clara de Roxos: “O certame “MicroCatrorelatos” representa a clara aposta do Café De Catro a Catro pola cultura en Vigo”

O concurso consta dunha final, que se celebrará o 26 de maio, e catro eliminatorias previas.
Publicado por o día 07/12/2016 na sección de Cultura,Vigo

Clara de Roxos: “O certame “MicroCatrorelatos”  representa a clara aposta do Café De Catro a Catro  pola cultura en Vigo”

Un ano máis o café De Catro a Catro –en colaboración coas editoriais Galaxia, Xerais, Elvira e a asociación cultural 4 Patacos- convoca o concurso de relatos curtos “Microcatrorelatos”, que no 2017 acadará a quinta edición. En opinión da escritora e integrante do xurado Clara do Roxo esta nova edición do concurso amosa “a clara aposta do Café Catro a Catro pola cultura en lingua galega”.

Segundo a escritora e directora de obradoiros literarios, “en Vigo non existen certames literarios por ningunha institución, agás o da editorial Elvira, e por iso ten tanta importancia esta iniciativa do Catro a Catro”. Do Roxo subliñou, neste sentido, que hai que agradecerlle ao “De Catro a Catro a súa aposta pola cultura e polos novos valores literarios”.

Pola súa banda, o escritor Amadeo Cobas, e tamén membro do xurado, explicou o proceso se desenvolverá até o 26 de maio, data na que se celebrará a final do certame. Ademais, terán lugar catro eliminatorias previas, os días 27 de xaneiro, 24 de febreiro (especial Entroido), 31 de marzo e 28 de abril, todas elas ás 10 da noite no café De Catro a Catro.

Destacou que o prazo para a admisión dos orixinais rematará o día quince de cada mes, ás 23:59 horas. Aqueles orixinais recibidos con posterioridade ao día e hora de remate, entrarán no concurso do mes seguinte.

Por outro lado salientou que haberá dous premios. Un primeiro premio outorgado polo xurado, que consistirá en 300 euros; e outro outorgado polo público congregado, consistente en 200 euros.

Os relatos deberán estar escritos en galego, terán que ser orixinais e inéditos, non premiados con anterioridade, cunha extensión mínima de 1000 e máxima de 1500 carácteres, espazos incluídos. Presentaranse en formato Word con tipo de letra Times New Roman, tamaño 12, a dobre espazo. Serán enviados ao enderezo de correo electrónico [email protected] indicando en “asunto” o título do relato, que se repetirá no encabezamento do mesmo, e sen ningunha identificación do seu autor/a.

Ademais de Clara do Roxo e Amadeo Cobas, o xurado tamén estará integrado pola mestra Mari Carmen Casal e Ángela Costas, gañadora do certame Microcatrorelatos de 2016.