Clausura do Galician Freaky Film Festival coa proxección de filmes coma A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos e o concerto de Igmig

I Ás 19.00 diante do MARCO terá lugar unha flashmob moi terrorífica e divertida
Publicado por o día 23/12/2017 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Clausura do Galician Freaky Film Festival coa proxección de filmes coma A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos e o concerto de Igmig

O derradeiro día do certame comezará pola tarde cunha performance ó aire libre seguido da proxección de seis filmes, dous deles de animación e un fin de festa co concerto da banda viguesa Igmig.

Ás 19.00, diante do MARCO, será o momento dunha terrorífica performance ó ritmo da canción máis axeitada para os amantes dos zombis. Trátase dun evento de balde onde haberá ademáis de larpeiradas,  maquillaxe para os que queiran participar.

Despois, ás 20.00 e na sala Videodrome, ubicada en Progreso 41, comezará o primeiro dos bloques de cine: a sesión Sachada con obras coma Amor de mono, Vicenta e A carne cruda.  Xa ás 22.00 proxectarase A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos dentro da sección Noite Caníbal.

Ademáis contaremos coa presenza dunha das máis representativas actrices do filme: Silvia Superstar, todo un referente no punk rock nacional e que pasou por bandas coma Aerolínias Federales ou The Killers Barbies.

Para dar fin por tódolo alto a tres xornadas cheas de frikismo, a festa continuará na sala Mogambo (Churruca, 12) coa actuación do grupo vigués Igmig. Unha banda de estilo inclasificable que mistura música clásica do século XX con pospunk ou rock progresivo e que farán vibrar a tódolos presentes.

OS FILMES

Nesta derradeira xornada do Galician Freaky Film Festival poderanse ver un total de seis pezas audiovisuais galegas entre as que destacan Amor de monoA carne cruda e A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos.

Amor de mono é unha curtametraxe animada e con grandes dosis de humor feita por Paulo Mosca en 2015 na que se conta cómo uns monos pretenden loitar contra a corrupción, a violencia policial e o abuso dos poderosos que asola o mundo.

En A carne cruda, de Samuel Lema, o seu protagonista, Hansel sempre tivo un desexo: devorar a un ser humano. O seu vello boneco non abonda para encher o seu baleiro afectivo. Trala morte da súa nai, decide facer realidade o seu soño, convertindo os seus desexos nunha perigosa necesidade. Unha necesidade mortífera cando xa non queda máis carne que devorar.

Por suposto, non podía faltar A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, unha das obras cumbre do frikismo galego. Dirixida por Antonio Blanco e Ricardo Llovo. Neste caso, un grupo de rapaces regresa dun concerto de heavy metal a altas horas da noite. Entre cervexas e canutos sofren un accidente e vense obrigados a buscar axuda. A hospitalidade dos Machado, que viven nun núcleo rural adicado á produción “artesanal” de embutidos, axiña espertará suspicacias entre os xóvenes, que se verán envoltos nunha trama caníbal sen precedentes.

Completarán o día pezas coma Desde dentro, de Samuel Lema que fala da historia dun psicópata asasino e da gran repercusión que ten nos medios e De fiestuki con la peñuki, unha obra de Brian Rodríguez no que se fai unha reflexión sobre o uso incesante que facemos das aplicacións móviles a través do humor.

PREZOS POPULARES

O Galician Freaky Film Festival pretende que esta edición 0 e as vindeiras teñan prezos populares para que o certame sexa accesible a todos. Por iso as actividades ó aire libre son de balde e cada sesión de cine terá un custo de 2,5 euros. En canto o concerto de Igmig, a entrada será de 6 euros.