Clausura dos cursos de natación e ximnasia para maiores do programa municipal “Exercítate”

Un total de 101 usuarios benefíciáronse desta iniciativa
Publicado por o día 14/06/2017 na sección de Deportes,Galicia,Mos,Natación,Vigo

Clausura dos cursos de natación e ximnasia para maiores do programa municipal “Exercítate”

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, participaron esta mañá, xunto cos alumnos e alumnas dos cursos natación e ximnasia de mantemento do programa municipal “Exercítate”, da clausura da tempada 2016-2017 que hoxe remata.

O programa “Exercítate” vai dirixido a persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 65 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Durante este curso realizaron únicamente a actividade de natación 48 persoas e só a de ximnasia 33, mentres que asistiron a ambos cursos: natación e ximnasia, un grupo de 20 usuarios/as, o que suma un total de 101 beneficiarios/as. Cada curso dividiuse en dous grupos que tiñan clase dous días á semana: os de natación eran os martes e xoves de 10.45 horas a 11.30 horas e os mércores e venres de 11.00 horas a 11.45 horas, e os de ximnasia de mantemento eran por unha banda os mércores e venres e por outra os martes e xoves, en ambos casos en horario de 10.45 horas a 11.45 horas.

O proxecto  “Exercítate” está dirixido á xente da terceira idade do Concello de Mos e a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e potenciar tanto a saúde física coma a mental mediante actividades lúdico-deportivas.

Sobre este programa os representantes municipais Arévalo e Monzón declararon hoxe que “a actividade física é moi beneficiosa para a saúde, sobre todo practicándoa con regularidade, e con ela preténdese conseguir o mantemento da independencia funcional dos beneficiarios/as necesaria para o desenrolo das actividades de vida diaria básicas. Axuda tamén a previr enfermidades crónico-dexenerativas e a aparición dunha serie de limitacións que aínda que non constitúan secuelas dunha enfermidade impiden ou limitan a realización de moitas actividades. Do mesmo modo a actividade mental aporta incontables beneficios para a terceira idade, fomenta o envellecemento activo, retrasa a situación de dependencia e mellora a autoestima”.

 

Con todo isto, o proxecto “Exercítate” proporciona ás persoas maiores uns efectos beneficiosos, tanto preventivos que axudan a previr o envellecemento do cerebro e con el as enfermidades que teñen que ver coa perda da memoria (demencia, alzheimer, etc.), como de mantemento, rehabilitadores, psicolóxicos en canto desenvolve un espírito de superación importante que inflúe en todos os ámbitos de vida cotiás, á vez que axuda a combater o estrés, a ansiedade e a depresión e distrae e evade das preocupacións; e sociais, posto que favorece o traballo en equipo e desenvolve o espírito de compañeirismo.

O obxectivo xeral deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Mos, así como aumentar a súa independencia funcional e autoestima. Utilizando unha metodoloxía activa e moi participativa, baseada na dinámica de traballo grupal, buscando as vantaxes que pode ofrecer un grupo tales coma favorecer as relacións sociais, facer as  actividades máis amenas, etc.