Arranca unha nova edición de Conversas en Empresariais promocionando o autoemprego feminino

Coa visita de Patricia Araque, cofundadora da plataforma de emprendedoras Ellas al Cuadrado
Por o 28/10/2017 | Sección: Eventos,Universidade de Vigo
Arranca unha nova edición de Conversas en Empresariais promocionando o autoemprego feminino

Patricia Araque é unha emprendedora fondamente comprometida coa igualdade e a promoción do autoemprego feminino, con particular atención ao uso das novas tecnoloxías. O seu caso serviu este venres de exemplo para as novas xeracións de alumnas e alumnos da EU de Estudos Empresariais que asistiron á Xornada A diversidade na empresa: recursos humanos e igualdade, punto de arranque da segunda edición do ciclo Conversas en Empresariais.

“Queremos que o noso alumnado reflexione sobre a importancia do compoñente de xénero e a necesidade da diversidade nas organizacións empresariais”, explica a subdirectora do centro Araceli González Crespán, enlace da Unidade de Igualdade na escola, ao tempo que apunta que a xornada continuará no mes de novembro cunha mesa redonda e unha conferencia do profesor Marc Valax, investigador en Recursos Humanos da Université Jean Moulin Lyon 3.

Cofundadora e directora da plataforma de emprendedoras Ellas al cuadrado, sobre emprendemento de mulleres en startups tecnolóxicas e embaixadora para España e Latinoamérica do Women’s Entrepreneurship Day, Araque afondou na súa intervención na EU de Empresariais do prioritario que é atopar xeitos para empoderar ás mulleres e para atopar xeitos que permitan que o seu traballo poida adaptarse aos seus propios ritmos, en referencia a que, segundo explicou, teñen que adaptarse a unha contorna laboral non deseñada para elas. Falou tamén do concepto de éxito profesional e de como este éxito ten que revisarse desde unha perspectiva feminista, pois só así se pode conseguir que sexa “inclusivo, respectuoso e xusto”.

“Unha ponte entre a escola e a realidade”

O ciclo Conversas en Empresariais arrancou hai agora un ano como un gran paraugas co que abrigar todas as actividades complementarias, fundamentalmente dirixidas ao alumnado, deseñadas e organizadas pola dirección do centro. “Tanto o Grao en Comercio como os mestrados en Comercio Internacional e o de Dirección de Pequenas e Medianas Empresas son titulacións cunha importante vocación de integración na realidade económica e comercial da sociedade máis próxima pero somos conscientes de que esta realidade muda a un ritmo vertixinoso e non podemos adaptar as programacións docentes aos cambios coa velocidade que nos gustaría”, explica a subdirectora do centro, que fai fincapé en que por iso se seleccionaron unha serie de temas “relevantes e candentes” para achegalos ao estudantado a través deste tipo de actividades complementarias.

O curso pasado tiveron unha sesión sobre igualdade no sector pesqueiro, outra sobre emprendemento e innovación e unha a terceira abordou a economía colaborativa. “Logo a celebración do patrón coincidiu co 20 aniversario das prácticas obrigatorias, así que decidimos dedicar a cuarta sesión das conversas ás prácticas e o emprego, cun apartado especial para pór en valor a lingua galega no contexto profesional”, explicou González Crespán.

O obxectivo para este curso é consolidar o ciclo como “unha ponte entre a escola e a realidade”. A idea é incorporar non só conferencias e mesas redondas sobre diversas temáticas, senón tamén obradoiros, visitas a empresas e outro tipo de actividades de carácter divulgativo.