Coalición Son condena o secuestro por parte do Estado de Sánchez e Cuixart

Publicado por o día 21/10/2017 na sección de Política

Coalición Son condena o secuestro por parte do Estado de  Sánchez e Cuixart

O 16 de outubro foi un día triste e duro para a que é xa a malchamada democracia representativa española. A ‘xustiza’ do Estado español decidiu mandar a prisión a dous activistas sociais acusándoos dun delito de sedición por protestas pacificas os días 20 e 21 de setembro na cidade condal.

Non estamos a falar dun simple episodio, estamos a falar dunha agresión directa e sistemática contra as liberdades políticas da cidadanía; atentan contra a liberdade de expresión, de reunión, de manifestación e incluso de asociación.

Dereitos incuestionables nun país civilizado, iso queriamos crer. Mais a realidade é que non vivimos nun país civilizado, senón no Reino de España.

Hoxe son os Jordis, antes xa foi César Strawberry, a rapazada de La Insurgencia, Cassandra Vera ou os chavales de Altsasu, que xa levan 341 días en prisión sen xuízo. Diferentes leis co mesmo obxectivo: que o que se negociou con ruído de sables na transición quedase atado e ben atado. Que nada puidese alterar a entorna política. Que ninguén puidese rachar coa sagrada unidade de España.

Que ningunha persoa pense diferente ás directrices do Estado, e moito menos, que ninguén teña unha identidade que non sexa a española.

O delito de sedición, é penado con ata 15 anos de cadea para quen se “alce pública e tumultuariamente” para “impedir pola forza das vías legais, a aplicación das leis” ou para “impedir calquera autoridade, (…) o lexítimo exercicio das súas funcións (…)”. Ninguén pode dicir que os “Jordis” usaran nunca a violencia. Que democracia europea manda á cadea a activistas por “delito de sedición”? Dende a Coalición Son consideran que o pobo catalán se en algo deu exemplo, foi en ser un movemento impecablemente pacífico; e en cambio, brutalmente violentado e agredido polas forzas do estado español baixo as ordes dun goberno en minoría que non entende de democracia senón de autoritarismo.

Sánchez e Cuixart están en prisión provisional; eles incorreron nun ‘delito grave’, son o verdadeiro problema deste país. Non como Urdangarín, Torres, Blesa ou Rato; eles eluden a cadea provisional, porque os seus delitos nada teñen que ver co grave delito de sedición ás ideas autorizadas polo bipartidismo que cometeron Sánchez e Cuixart.

A súa detención, só pode entenderse como unha chantaxe para presionar ilexitimamente a vontade do pobo catalán.