Coalición Son esixe máis recursos para promoción social e o Plan Concellos 2018 nos orzamentos da Deputación de Pontevedra

Xosé Lois Jácome, voceiro do Grupo Mixto, vén de presentar varias emendas que piden un aumento da partida no Plan Concellos do 2018; dito petición xustifícase coa diminución de gasto en partidas menos importantes como a de publicidade e promoción.
Publicado por o día 28/11/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Política,Pontevedra

Coalición Son esixe máis recursos para promoción social e o Plan Concellos 2018 nos orzamentos da Deputación de Pontevedra

Jácome apuntou que é consciente da mellora do goberno actual respecto á época Louzán, o cal fixo que a débeda en 2010 supuxera case o 100% do orzamento provincial.

Mais aínda así, criticou que o debate plenario sexa totalmente escénico, “un teatriño de cara ós medios que non deixa de ser unha falsidade”, pois o importante, apuntou “é que os orzamentos sexan factibles e verosímiles”. Jácome puntualizou que non serve de nada orzamentar se logo non se executa; e iso é ao que se lle debería dedicar espazo nos debates da institución provincial, “máis aínda se temos en conta que facendo unha estimación, no ano 2017 non se executará nin o 49% do orzamento”.

Respecto ó Plan Concellos, Xosé Lois Jácome definiu a iniciativa como “interesante”, pero parécelle fundamental que a Deputación deixe de ser a que marque a prioridade dos concellos á hora de usar eses fondos e administrar os investimentos. É dicir, hai que facer unha aposta clara pola soberanía e a independencia dos concellos.

A Coalición Son tamén critica as partidas de cultura, que non dá recuperado o valor do 2015 e a de deportes -un descenso do 25% que lastra a promoción e o fomento da actividade deportiva-.

Por último, o voceiro do Grupo Mixto e deputado da Coalición Son, criticou a “brutal partida coa que conta a materia de publicidade e propaganda da Deputación de Pontevedra, con case un millón e medio de euros”. O deputado demostrou preocupación polo uso de tantos cartos para vender accións da institución ou para obter mellor posición mediática do goberno provincial. As emendas presentadas pola Coalición Son piden diminuír esta partida para aumentar os recursos do Plan Concellos 2018. Por último, Jácome apuntou que non entende como sendo “os dous partidos que están no goberno contrarios á existencia das deputacións gastan tanto en publicitarse”, semella que “este goberno non está facendo nada dende dentro para erradicala, máis ben todo o contrario” sentenciou.