Coalición Son instará ao pleno da Deputación a apoiar incorporación do Pazo de Meirás ó Patrimonio público e a salvagarda da memoria histórica

Publicado por o día 19/09/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

Coalición Son instará ao pleno da Deputación a apoiar incorporación do Pazo de Meirás ó Patrimonio público e a  salvagarda da memoria histórica

Xosé Lois Jácome, deputado provincial da Coalición Son, rexistra para o vindeiro pleno unha moción de apoio ó Concello de Sada. Jácome asegura que en termos de memoria histórica toda a cidadanía ten o deber de implicarse, pois “é moi grave que a día de hoxe unha fundación que enxalza a figura dun fascista estea a xestionar un Pazo declarado como Ben de Interese Cultural ” o Deputado engade que: hai que ter moi en conta que as “doazóns voluntarias” para agasallar o pazo ao sanguinario ditador eran supervisadas casa por casa por membros da Falange, en pobos e vilas onde a lembranza dos paseos franquistas estaba moi presente.

O 30 de agosto, a Coalición Son rexistrou a moción impulsada por diferentes institucións galegas, onde principalmente, o que se pide nos acordos é un apoio firme á memoria histórica, o que implica neste caso que a Deputación de Pontevedra manifeste publicamente e por escrito a adhesión ó acordo adoptado polo Pleno da Corporación do Concello de Sada o pasado 12 de agosto.

Ademais, dita moción tamén insta á Xunta de Galiza, así como aos poderes do Estado, a que dean efectivo cumprimento ao acordo referenciado no apartado 1 dentro do seu réxime competencial establecido.

“Podemos Imaxinar Auschwitz Birkenau xestionado por unha fundación Adolf Hitler no século XXI?” preguntaba retórico Jácome ante o “esperpento” que “sufrimos en Galiza” coa xestión de Meirás por parte da fundación franquista.

Nas comisións informativas mantidas onte na Deputación de Pontevedra, o Deputado Jácome ofreceu aos grupos provinciais que estiveran interesados levar a moción como conxunta, amosándose aberto á inclusión de máis acordos, xa que a Coalición Son é consciente e concorda absolutamente coa vaga de peticións de reparación do dano causado pola ditadura : “o pazo é só a punta do iceberg do espolio dos Franco. As formacións que se declaran demócratas teñen por forza que declararse antifascistas e facer fronte común. O pazo e a porta de entrada, debemos abrir a espita para recuperar o roubado e devolver a dignidade a nosa sociedade” remata o deputado.