A Coalición Son pedirá que a Deputación inste ó Goberno á transferencia da AP-9

Publicado por o día 18/07/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A Coalición Son pedirá que a Deputación inste ó Goberno á transferencia  da AP-9

Tralo derradeiro veto do Ministerio de Fomento á transferencia da AP-9, incumprindo así o mandato democrático e unánime do Parlamento galego, o deputado provincial Xosé Lois Jácome levará a demanda á Deputación de Pontevedra.

Para a Coalición Son, a AP-9 é unha vía fundamental para Galiza que vertebra todo o territorio dende Ferrol a Tui, cumprindo ademais, un papel importante na dinamización socioeconómica do eixo atlántico. A AP-9 continúa hoxe en mans privadas grazas a que o señor Aznar ampliase dita concesión no 2001 até o 2048; convertendo a AP-9 nunha historia de intereses contrapostos: os de AUDASA por un lado e os do pobo galego polo outro. A compañeira Alexandra Fernández, denunciou no Congreso o suculento negocio que lle supón a Audasa a Autopista do Atlántico, Jácome volverá denuncialo na institución provincial; pois os últimos datos indican que a poboación galega deixa nas peaxes 350.000€ diarios, facendo que o beneficio neto da concesionaria subise un 20% e tendo un resultado positivo de 17 millóns.

Mais a moción que vén de presentar o deputado Xosé Lois Jácome non incidirá nas peaxes senón na transferencia da AP-9 a Galiza; algo que xa pediu por unanimidade o Parlamento Galego incluído o PP. O Ministerio de Fomento vetou a proposta alegando custes que ascenderían a 4.300 millóns de euros; un argumento para Jácome absurdo “se temos en conta que se reclamaba a transferencia de competencias e non o rescate; dita transferencia tería un custe gratuíto”. Coa citada transferencia a vixilancia sobre a concesión sería feita pola propia Xunta, de cara a supervisar estritamente o cumprimento das condicións, así como posibilitar a denuncia e rescisión se fora o caso. Para a Coalición Son resulta totalmente inaceptable que o goberno non asuma democraticamente as solicitudes do Parlamento galego.

Por tanto, Jácome levará ó pleno da corporación provincial a proposta que instará ó Goberno á transferencia da AP-9 a Galiza, facendo efectiva dita demanda unánime; así como instar á Xunta de Galiza para que se dirixa a Fomento para pedirlle que non vete as propias leis do Parlamento galego relativas á AP-9 e permita a súa normal tramitación no Congreso.

Ademais, Jácome tamén pedirá que institución provincial inste a Fomento a que pida explicacións a Audasa respecto ás condicións laborais nas obras da Ponte de Rande que executa a UTE Dragados e Grupo Puentes.