Coalición SON rexistra por 3ª vez petición de visita aos parques de bombeiros

Publicado por o día 25/08/2017 na sección de Galicia,Política,Pontevedra

Coalición SON rexistra por 3ª vez petición de visita aos parques de bombeiros

Máis de tres meses despois e dúas solicitudes de por medio, o deputado provincial Xosé Lois Jácome aínda non recibiu resposta por parte da Deputación de Pontevedra e/ou da xerencia do Consorcio Provincial de Bombeiros en relación á petición de visita aos parques.

Dita petición rexistrouse a mediados de maio, tras quedar portas afora nunha visita programada co comité de bombeiros ao Parque de Ribadumia. Jácome, que tamén tiña pendente unha visita ao parque de O Porriño, rexistrou dita petición para que non se repetise o lamentable episodio vivido en Ribadumia hai só unhas semanas. Porén, dita petición nunca foi contestada, polo que dende a Coalición Son decidiron rexistrar por segunda vez a demanda, con data 30 de maio do 2017.

Cabe destacar que o deputado provincial foi informado polo comité de empresa da comunicación por parte de Matinsa que en caso de “silencio administrativo” non se consideraría aprobada visita algunha aos parques de bombeiros.

A día de hoxe, 25 de agosto, as peticións presentadas polo deputado da Coalición Son continúan sen ser contestadas, impedindo o traballo político de campo do representante provincial.

Mentres o xerente do consorcio, asegura por escrito á Coalición Son que a empresa cumpre cos pregos de concesión, os traballadores vense obrigados a convocar unha folga nos parques de bombeiros provinciais; esixindo quendas de traballo con máis efectivos tal como figura nas melloras ofrecidas pola empresa concesionaria Matinsa ao contrato de concesión, así como o cumprimento das horas de formación ós traballadores e mantemento axeitado dos vehículos e instalacións.

Dende a Coalición Son, Xosé Lois Jácome declara: “queremos visitar o parque de bombeiros en compañía dos traballadores, nós non somos vulgares representantes do lucro empresarial de MATINSA. Esixímoslle ao xerente do Consorcio que conteste as nosas peticións de visita aos parques e que deixe de ocultar posibles neglixencias e irregularidades a este deputado provincial. É inadmisible que a un representante da cidadanía da provincia non se lle permita a entrada a unhas instalacións financiadas ao 50% pola Deputación e ao 50% pola Xunta, ademais coa covardía de optar polo silencio e non por unha resposta clara ”.

Ante esta situación intolerable, Jácome volve presentar hoxe unha nova petición de visita, denunciando a “indiferenza” da institución provincial que non só non contesta dita petición, senón que ademais acumula preguntas escritas sen contestar a dito deputado obstaculizando a tarefa de control ao goberno.