COGAMI e as súas entidades membro saen á rúa para exixir accesibilidade

Forma parte da campaña de COCEMFE Nacional “#AccesibilidadYA” que contempla a celebración de 35 concentracións simultáneas en cidades de todo o territorio español.
Publicado por o día 02/11/2017 na sección de Galicia,Protestas

Entidades que forman parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) das catro provincias concéntranse en diferentes localidades para poñer en coñecemento da sociedade o vindeiro martes, 7 de novembro, ás 11 horas a falta de accesibilidade universal e reivindicar a posta en marcha de medidas dirixidas a eliminar barreiras que vulneran dereitos, liberdades e vida independente das persoas con discapacidade.

COGAMI convoca esta concentración no marco dunha campaña de COCEMFE Nacional (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) que, baixo o lema “#AccesibilidadYA: Pola accesibilidade de produtos, entornas, bens e servizos”, contempla a celebración de 35 concentracións simultáneas en cidades repartidas por todo o territorio español onde se prevé a participación de máis de 2.500 persoas.

En Galicia, son máis de 700 persoas as que confirmaron que se van concentrar nos seguintes puntos:

Provincia de A Coruña:

– Na cidade de A Coruña, a asociación Grumico estará diante do Obelisco na Avenida da Mariña da cidade.

– En Santiago, persoas usuarias das asociacións AMICO de Persoas con Discapacidade de Compostela, ANDADE de Amputados, ACADAR de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ACEM SANTIAGO de Esclerose Múltiple e o centro de recursos que COGAMI ten en Medelo (Silleda) estarán ás 11 horas na praza do Obradoiro.

– En Noia vanse concentrar as asociacións ADISBISMUR de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros e tamén Misela no Casco histórico / Alameda Rúa Rosalía de Castro, 2.

– En Ponteceso, a asociación Integro de Costa da Morte concentrarase diante do CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso (Rúa Eduardo Blanco Amor, 1).

– En A Pobra do Caramiñal será a asociación Ambar a que se concentre diante do teatro Elma que está situado na Rúa Rafael Calleja.

Provincia de Lugo:

– Persoas usuarias do centro que COGAMI ten en Lugo concentraranse no interior da muralla, entre a confluencia da Porta de Santiago co atrio da catedral, o vicerrectorado da USC e o acceso á muralla.

– En Monforte de Lemos, a asociación Agora concentrarase na Praza de España.

Provincia de Ourense:

– O centro de saúde Novoa Santos (Rúa Papa Xoán XXIII,6) é o sitio elixido polas entidades DISCAFIS, AODEM, ALCER OURENSE,AIXIÑA, ACCU e ASEM GALICIA para este día.

– En O Carballiño, a asociación ASDIFICA estará concentrada diante do concello, na Praza Maior.

Provincia de Pontevedra:

– A asociación Amizade de Pontevedra elixiu concentrarse diante do Servizo Provincial do Instituto Galego de Consumo en Pontevedra (Paseo de Cervantes, 7).

– En Mos, persoas usuarias do centro que COGAMI ten nesta vila, xunto coa Federación provincial COGAMI Pontevedra e a asociación Asearpo, concentraranse diante dunha parada de autobús que está situada en Avda. de Puxeiros nº 64 en Mos.

En todas estas concentracións, informarase sobre esta problemática ás persoas que transiten pola zona e lerase un manifesto. Dito acto contará coa participación de representantes das entidades que participan nelas, así como de diferentes persoas que contarán como lles afecta a falta de accesibilidade universal no exercicio dos seus dereitos e liberdades.

Impulsada por COCEMFE Nacional en colaboración coas súas entidades membro, esta campaña tamén pretende chamar a atención sobre o previsible incumprimento do mandato da Lei Xeral de Dereitos de Persoas con Discapacidade y e da súa Inclusión Social que establece o 4 de decembro de 2017 como límite temporal para que todos os produtos, bens, entornas e servizos sexan accesibles.