COGAMI imparte en Vigo dous cursos dirixidos a persoas con discapacidade desempregadas

Son 28 as persoas procedentes do concello de Vigo e comarca que se están a formar en servizos administrativos e atención sociosanitaria para persoas dependentes en institucións sociais.
Publicado por o día 27/09/2016 na sección de Formación,Vigo

COGAMI imparte en Vigo dous cursos dirixidos a persoas  con discapacidade desempregadas

As instalacións que COGAMI ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) acollen dous cursos de formación orientados a persoas con discapacidade desempregadas de Vigo e comarca, sendo un deles de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais, no que se forman 15 persoas, e o outro é de Atención Sociosanitaria para persoas dependentes en institucións sociais, que iniciou con 13 persoas.

Para formar parte destes cursos, ademais de estar en situación de desemprego, foi imprescindible que as persoas presentaran o certificado de discapacidade e/ou incapacidade laboral para profesión habitual, ademais do certificado de graduado na ESO ou equivalente, no caso do curso de Administrativo.

Ámbolas formacións estanse a impartir en horario de mañá, de 8 a 16 horas, contando o de Operacións Auxiliares cunha duración de 448 horas, das que 40 horas serán de prácticas en empresas da zona tras realizar as clases teóricas, e o de Atención Sociosanitaria ten unha duración de 468, sendo 80 horas de prácticas. As dúas formacións rematarán a mediados do mes de decembro.

A procedencia do alumnado é tanto do concello de Vigo como de concellos de comarcas limítrofes, procedendo de Tui, Salceda de Caselas, Tomiño, Nigrán, Oia, Mos, Porriño e Redondela. Ámbolos cursos, financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, son denominados AFD, están homologados e inclúen certificados de profesionalidade.