COGAMI inicia curso de contabilidade laboral en Vigo para persoas con discapacidade

Financiado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, son 11 as persoas con discapacidade que se están a formar.
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,Vigo

COGAMI inicia curso de contabilidade laboral en Vigo para persoas con discapacidade

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia un curso de Contabilidade laboral que se imparte nas instalacións de COGAMI Vigo na Rúa Teixugueiras, nº 15 baixo.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 200 horas de teoría que se imparten ata o día 31 de marzo, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Contabilidade Xeral 150 horas e Aplicacións Informáticas de Xestión Contable 50 horas, e 80 horas de prácticas non laborais que se imparten ata o día 24 de abril en empresas da zona que colaboran con COGAMI para a formación.

O curso inicia con 11 persoas, 10 mulleres e 1 home, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo, con idades comprendidas entre os 45 e os 60 anos, que proceden dos concellos Vigo e Redondela. O obxectivo xeral desta acción formativa é proporcionar ao alumnado os coñecementos en materia de contabilidade e as ferramentas ofimáticas relacionadas coa temática.

A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como inmobiliario, hospitalario, administrativo e comercio.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 2.914 persoas inscritas na comarca de Vigo.