A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia o luns 24 de setembro nas instalacións que ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) un curso de Profesional de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais dirixido a persoas que teñen certificado de discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual.
Esta acción formativa, con duración de 160 horas lectivas teóricas e prácticas, impartirase durante as mañás de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ata o 8 de novembro, estando dividida nos seguintes módulos: técnicas básicas de limpeza, limpeza de mobiliario interior, camareira/o de pisos, limpeza de espazos abertos, de instalacións e equipamentos industriais e mantemento básico de edificios e locais.
O número total de prazas é de 15, quedando aínda vacantes para aquelas persoas que poidan estar interesadas en participar neste curso que forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social
Europeo, un programa que se desenvolve nas comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, co fin de dotar de competencias necesarias ás persoas con discapacidade de cara á inserción laboral.
Máis Emprego proporciónalle ao alumnado destrezas profesionais que lle permiten un rendemento competitivo no mercado laboral ademais de desenvolver habilidades persoais para a súa participación social. Desde que iniciou este programa en 2017, xa son 100 as persoas que lograron inserirse tras pasar por Máis Emprego.
Noticias de última hora en Vigo