COGAMI recolle sinaturas para que as estacións de servizo conten con persoal con atención á clientela

COGAMI reclama que as gasolineiras teñan persoal durante todo o horario de apertura.
Por o 25/08/2017 | Sección: Galicia

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia campaña de recollida de sinaturas en contra das gasolineiras que carecen de persoal laboral, unha medida ante a que COGAMI discrepa porque resulta ser discriminatoria para o conxunto de persoas que representa.

Dende COGAMI reclamamos a existencia de persoal de atención ao público nas gasolineiras durante o horario de apertura, para que as persoas con discapacidade poidan exercer os seus dereitos como consumidores e facer a súa vida coa maior autonomía posible.

Dende a Organización cremos que a falta de persoal imposibilita a utilización de determinados servizos a aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan encher combustible autonomamente, xa sexa porque non poden dispensalo polos seus propios medios ou porque non poden acceder aos dispositivos de cobro.

En coordinación con outras entidades análogas autonómicas, e coordinadas por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) queremos que se regule nunha disposición normativa estatal a obrigatoriedade de que conten con persoal todas as estacións de servizo de carburantes, para asegurar a atención á clientela con discapacidade.

COGAMI, polo tanto, súmase á iniciativa presentada pola Plataforma Gasolineiras Atendidas e Seguras: “UNHA SINATURA POLO EMPREGO, A INCLUSIÓN E A SEGURIDADE NAS ESTACIÓNS DE SERVIZO” para conseguir unha lexislación que asegure a atención a persoas con discapacidade.

As Comunidades de Estremadura, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia aprobaron medidas de obrigado cumprimento onde ten que haber a presencia dunha persoa responsable nas gasolineiras que, de non cumprise, será considerada como unha infracción grave. Dende COGAMI agardamos e desexamos que o resto das Comunidades Autónomas tamén se opoñan ás gasolineiras low cost sen persoal.