COGAMI sensibiliza ás empresas como piares fundamentais para o cambio inclusivo na sociedade

Dende a área de emprego de COGAMI estase a contactar con empresas para informar dos seus servizos e falar de inclusión nas empresas socialmente responsables.
Publicado por o día 26/03/2019 na sección de Galicia,Vigo

COGAMI sensibiliza ás empresas como piares fundamentais para o cambio inclusivo na sociedade

A misión de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, sendo piar importante nesta misión o poder gozar das mesmas oportunidades como son as laborais porque, cando se consegue un traballo, é posible deseñar un proxecto de vida como calquera persoa.

Dende COGAMI estase a traballar co sector empresarial por consideralo eixo imprescindible no motor de cambio social, as empresas son os motores da sociedade, as que permiten a inclusión das persoas e tamén, as que teñen a responsabilidade de aportar valores inclusivos, participativos, igualitarios e proactivos dentro dos seus cadros de persoal.

É unha realidade o dato de que as persoas con discapacidade teñen maior taxa de desemprego que o resto da poboación e, no caso de estar traballando, teñen as peores condicións laborais, nas que proliferan os contratos a tempo parcial e salarios máis baixos. Outra discriminación que sofre o colectivo da discapacidade é convivir cos prexuízos, estereotipos e falsas crenzas que se crean por descoñecemento.

Para poder reverter esta situación de desigualdade, dende o equipo profesional do Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) considérase necesario involucrar á empresa como elemento integrador, socialmente responsable para xerar un cambio na sociedade, facéndoa máis xusta, igualitaria e inclusiva. Un dos pasos que dá este servizo é a visita a empresas, co obxectivo de dar a coñecer o servizo, eliminar estereotipos, falsas crenzas, prexuízos e rachar barreiras co fin de que a situación se reinvista no logro de oportunidades para as persoas con discapacidade.

Boa praxe de empresas inclusiva: A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS, PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA

Unha das empresas que si está comprometida con este cambio social que reivindicamos é a viguesa A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS,PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA, que dende hai máis de 15 anos comezou a colaborar co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) ten na cidade de Vigo (Rúa Teixugueiras, nº15 baixo), despois de que outro empresario lle comentara sobre a existencia deste servizo.

O xerente Francisco Álvarez afirma que decidiu contratar a unha persoa con discapacidade en canto coñeceu o servizo do SIL, unha relación que é duradeira no tempo e “resultar boa ata o de agora”, segundo Francisco Álvarez.

Dende A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS,PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA animan a outras empresas a que rompan barreiras mentais e que dean oportunidades laborais a persoas con discapacidade porque, segundo o xerente, “a nós a experiencia estanos resultando positiva”.

Tamén é moi positiva a oportunidade laboral que tivo Daniel Vaz, que hai un mes empezou a traballar nesta empresa despois de levar dous anos en situación de paro laboral. “Solucionoume a vida”, comentaba Daniel que vía como non xurdía nada e xa afirmaba que “sentíame moi mal”.

Daniel formouse nun curso que impartiu COGAMI como controlador de accesos e, aos quince días de finalizar as prácticas, chamárono para unha entrevista de traballo. Así foi como empezou a súa experiencia laboral en A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS, PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA.

Mentiras sobre a discapacidade.

É falso o argumento de que o traballador/a con discapacidade auséntase máis do seu posto de traballo. A discapacidade non é unha enfermidade, senón que é unha condición da persoa, polo tanto, se esta persoa foi contratada cunha xornada e en condicións que non entran en conflito coa saíde, as baixas non van ser superiores a doutro traballador.

Un informe realizado por Fundación Adecco sobre o absentismo recolle que o 79% das empresas non percibe maior absentismo entre profesionais con discapacidade, sendo a incidencia de ausencias menor que no resto de persoal. Como causa apúntase a que, como a taxa de actividade dunha persoa con discapacidade é moi baixa, estímase que o 64% non ten traballo nin o busca, cando deciden traballar, teñen maior fidelidade ao proxecto vinculado, traballan porque é o que desexan e fano cun grao de implicación alto.

Outro argumento falso é que o traballador/a con discapacidade ten dificultades de integración no equipo. Todo o contrario, a incorporación repercute positivamente no clima laboral, representa a diversidade no entorno, o que lles permite sentirse libres e dar o mellor como profesionais.

Outra falacia é argumentar que a persoa con discapacidade ten menor rendemento que o resto de persoal. Cando un proceso de selección para o posto é adecuado e se a persoa candidata é correctamente seleccionada, a discapacidade non será ningún impedimento para desenvolver o posto de traballo.