Cogami supervisará a accesibilidade das obras municipais

O Concello asinou un contrato coa entidade para supervisar a carteira de obras e proxectos municipais que se porán en marcha nestas semanas.
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Cogami supervisará a accesibilidade das obras municipais

O Concello de Pontevedra e Cogami (Confederación galega de persoas con discapacidade) escenificaron esta mañá un acordo para que a empresa Combina social, da entidade Cogami, realice a supervisión da accesibilidade nas obras municipais que se porán en marcha nas vindeiras semanas. Trátase dun contrato de servizos por valor de 18.000 euros, que se poderá ampliar en función das necesidades dos proxectos.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores reuniuse esta mañá con Álvaro García, tesoureiro da entidade, e Luisa Miranda, técnico en accesibilidade de Cogami, ademais do concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, para concretar este acordo e recoñecer o labor altruista e de colaboración que Cogami leva facendo co Concello de Pontevedra, dende hai 18 anos, sen remuneración algunha. “É un salto cualitativo e cuantitativo de mellora da accesibilidade para Pontevedra para continuar sendo un referente mundial en accesibilidade”, segundo explicou o alcalde.

Álvaro García explicou que o traballo o fará un equipo de expertos de Cogami, que leva máis de once anos xestionando para cumprir coa normativa actual sobre accesibilidade.

Luisa Miranda recoñeceu que “Pontevedra é unha cidade exemplo a seguir, pero todo se pode mellorar”. De feito explicou que nos seus asesoramentos Cogami soe ir un paso máis aló da normativa, en función das necesidades diarias que observan nas persoas con discapacidade.

Este asesoramento pódese dar en tres fases da obra. O idóneo sería durante a elaboración dos proxectos para incluír esas recomendacións, a segunda opción será intervir durante a execución do proxecto facendo visita ás obras e supervisando a accesibilidade. Tamén hai unha terceira opción que sería a elaboración de informes.