O Comité Electoral (CE) de En Marea proclamou hoxe á noite os resultados definitivos das eleccións ao Consello das Mareas e á Comisión Ética e de Garantías que se celebraron ao longo da pasada fin de semana. O CE constatou, tras resolver ao longo do día todas as solicitudes de información, que a candidatura Coidando a Casa, encabezada por Luís Villares, gañou as eleccións co 59,24% dos votos (1.596), mentres que a candidatura encabezada por David Bruzos, Entre Todas, obtivo o 40,76% (1.098) dos sufraxios, nunhas eleccións nas que a participación foi case do 56% (2.694) das persoas inscritas que tiñan dereito a voto (4.877).
Dende o Comité Electoral vólvese incidir en que o proceso desenvolveuse sen incidencias de consideración, e as que houbo foron resoltas polo soporte técnico practicamente en tempo real.
Non se produciu nin unha soa queixa sobre a posibilidade de que se puidera dar suplantación de identidade nestas votacións e o sistema utilizado caracterizouse pola súa seguridade.
Proclamados os resultados definitivos, o sábado 29 constituirase o Consello das Mareas.
Noticias de última hora en Vigo