“Coidando o noso mar”, a proposta polo medio ambiente do alumnado do IES de Chapela no seu mural de DepoRúarte

A deputada e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, presentou o mural do programa que este ano pon o foco nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

A vida submarina, baixo o título “Coidando o noso mar”, foi o tema que escolleu o alumnado de 1.º da ESO do IES de Chapela, en Redondela, para participar na edición 2019 do programa DepoRúarte “Pintando alternativas”. A Deputación de Pontevedra volveu impulsar un ano máis este proxecto, que vai xa pola súa cuarta edición, e que se basea na busca do compromiso xuvenil con temáticas relacionadas cos dereitos humanos e a consecución dun mundo máis xusto e igualitario. A deputada en funcións de Cohesión Social e Xuventude e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de presentar o mural, acompañada polo director, persoal docente e alumnado do centro de ensino e tamén polo artista grafiteiro O Ras.

O mural do alumnado redondelán atópase no muro exterior do centro no que 43 estudantes de 1.º da ESO comezaron a traballar o pasado venres 14 de xuño grazas á colaboración do artista O Ras e despois de ter recibido varias sesións formativas nas que afondaron sobre a temática central de DepoRúarte 2019: os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) establecidos pola ONU. As nenas e nenos do IES de Chapela escolleron o obxectivo número 14, a vida mariña, ao considerar necesario e urxente que nos sensibilicemos sobre como as nosas accións teñen repercusións directas na natureza. As rapazas e rapaces salientaron a importancia do mar para a xente de Redondela, e tamén que é unha obriga de todas as persoas protexer os ecosistemas mariños para preservar a súa diversidade.

A deputada en funcións e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou que desde a Deputación de Pontevedra “queremos que teñades voz e compromiso, neste caso co medio ambiente, para que sexades conscientes da importancia de formar en igualdade e respectando  a vosa contorna”. Rivas felicitou a implicación de alumnado e profesorado “do instituto no que estudei” neste proxecto, valorando positivamente que “a educación en valores como a sustentabilidade e a igualdade están moi presentes neste centro”.

DepoRúarte é un espazo de encontro e de intercambio de experiencias que ofrece novas alternativas de actividades artísticas e lúdicas arredor da arte urbana e cun alto compoñente de compromiso social. A través deste programa, a Deputación busca a implicación da mocidade na adopción de medidas que contribúan a cumprir os ODS, especialmente os relacionados coa loita contra o cambio climático e as desigualdades. O obxectivo é seguir apostando pola arte urbana á vez que se pon en valor a importancia destas medidas para a consecución da fin da pobreza, a protección do planeta e garantir que todas as persoas gocen de paz e prosperidade. As temáticas que este ano tratan os centros son, entre outras, o consumo responsable, a acción climática, a igualdade, a paz, a fame cero ou a fin da pobreza.

Ademais, a Deputación de Pontevedra terá este mandato o medio ambiente como unha das súas grandes prioridades. O Goberno provincial de Carmela Silva xa ten en marcha un proxecto de aforro e eficiencia enerxética, a concorrencia a novos fondos europeos do programa Life e a campaña de sensibilización “Experiencias SOStibles”. A medio prazo, a institución provincial impulsará outras iniciativas en torno ao cultivo e creación de plantacións ecolóxicas de froitos do bosque, a produción forestal activa mediante técnicas de aproveitamento de resina e o estudo e análise de mostras vexetais de cultivos agrícolas e forestais de interese para Galicia.

Tralo seu paso polo CPI do Toural (Vilaboa), polo IES Indalecio Pérez e hoxe polo IES de Chapela (Redondela), DepoRúarte chegará tamén a inicios do vindeiro curso ao Antón Losada Diéguez (A Estrada) e ao Monte da Vila (O Grove).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM