O colectivo “Filosofía Si” pon en marcha a campaña #VocesPolaFilosofía

O director de Galaxia, Francisco Castro, abre a nova iniciativa.
Publicado por o día 28/09/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O colectivo “Filosofía Si” pon en marcha a  campaña #VocesPolaFilosofía

Tras o éxito da recollida de sinaturas en apoio á Filosofía e da proposta #ChíaPolaFilosofía, o colectivo Filosofía Si pon en marcha unha nova iniciativa baixo o nome #VocesPolaFilosofía. A través desta proposta daranse a coñecer testemuños, en formato multimedia, de diversas personalidades do panorama cultural galego. Deste xeito, Francisco Castro, escritor e director da editorial Galaxia, será o encargado de inaugurar esta proposta.

Segundo a ex deputada e profesora do IES Politécnico de Vigo, Carme Adán – impulsora xunto a outros profesores e profesoras de Filosofía Si -, o obxectivo radica en “conseguir unha maior visibilidade da necesidade de que os centros de ensino adiquen varias horas do tempo lectivo a ensinar a pensar, a pensar de xeito crítico”.

Ademais de Francisco Castro, outras persoas destacadas da cultura galega xa confirmaron a súa participación en #VocesPolaFilosofía, como Jorge Mira, Sés, Xurxo Mariño, Sechu Sende, Inma López Silva, Ernesto Chao e Teresa Moure, entre outras.

Precisamente Filosofía Si xa presentou no Parlamento Galego máis de 8.200 sinaturas de apoio á proposta para que esta asignatura sexa incluída na oferta educativa do Bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal. Esta iniciativa será debatida no Parlamento proximamente.

Por outro lado, nos últimos días desenvolveuse nas redes sociais a campaña #ChíaPolaFilosofía, na que participou de forma activa o alumnado de diversos centros de ensino secundario, publicando tanto citas célebres como reflexións propias.