Colexio Ramón y Cajal e Albergue Municipal: dos tesouros a protexer

Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Galicia,Os Ninguéns,Social,Vigo

Colexio Ramón y Cajal e Albergue Municipal: dos tesouros a protexer

Ante a situación que está a ser publicada por determinados colectivos da contorna de Marqués de Valterra e Torrecedeira, queixándose de problemáticas relacionadas coas persoas empobrecidas que transitan por estas zonas, tamén polos dispositivos sociais habilitados nese entorno como o albergue municipal e a furgoneta Sísifo, comentar que esta mañá entregamos por rexistro un escrito dirixido ao alcalde pedindo unha entrevista para tratar esta situación suxerindo atallar a mesma con un programa de intervención socioeducativa, mediante un proxecto convivencial como o que tanto éxito tivo no pasado en entornos moito máis problemáticos na cidade de Vigo.

É necesario organizar actividades de inserción sociolaboral, de ocio, tempo libre e cultura, un programa de rúa desenrolado por educadores sociais para lograr un traballo entre iguais que permita que o entorno veciñal e escolar e os usuarios destes servicios convivan en tranquilidade e respeto mutuo.

Sobre todo deixamos claro que o camiño non é criminalizar ou estigmatizar uns comportamentos que en calquera caso non son representativos dos da maioría, e que a labor preventiva é a vía necesaria para fomentar esta convivencia correcta e normalizada.

A gran maioría das empobrecidas teñen un comportamento adecuado. Isa é a verdade. Para as excepcións, haberá que traballar dende o eido social comprometéndose coa mellora convivencial, hai cartos e ferramentas para facelo. Daremos conta do percorrido desta proposta.