O Colexio de Xornalistas condena as trabas policiais á cobertura da manifestación polo desaloxo do Escárnio e Maldizer en Santiago

Publicado por o día 13/06/2017 na sección de Social,Vigo

O Colexio de Xornalistas condena as trabas policiais á cobertura da manifestación polo desaloxo do Escárnio e Maldizer en Santiago

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia denuncia os impedimentos ao labor das e dos informadores por parte dos corpos de seguridade do Estado durante a actuación policial contra a manifestación en contra do desaloxo do Escárnio e Maldizer realizada o pasado sábado en Santiago de Compostela.

O Colexio de Xornalistas tivo coñecemento de numerosas trabas á información producidas no cadro da manifestación convocada este sábado 10 de xuño en Santiago en rexeitamento ao desaloxo do Centro Social Ocupado Escárnio e Maldizer. Se ben ao longo da marcha os e as xornalistas puideron realizar con normalidade o seu traballo, no momento no que os corpos de seguridade entraron a desaloxar as persoas que ocuparan o patio do antigo Colexio Peleteiro obrigouse a todos os profesionais da comunicación a situarense por tras do cordón policial, nunha posición na que dificilmente podían informar sobre uns feitos que se estaban a producir a case cen metros de distancia e nun espazo non visíbel desde o punto no que se encontraban.

A denuncia presentada por unha xornalista colexiada indica ademais que a reclamación de identificacións ás e aos profesionais da información era continua, mesmo por parte de presuntos axentes que vestían de paisano e que non presentaban ningún tipo de credencial. Un destes supostos axentes, que se negou en todo momento a identificarse, tentou mesmo arrebatarlle a cámara á denunciante, ela si correctamente acreditada, nunha clara tentativa de coartar o dereito fundamental á liberdade de información.

Ademais destes feitos, o Colexio de Xornalistas tivo noticia doutras accións contra o labor das e dos xornalistas que cubrían a manifestacións, como agresións con porras por parte dos corpos antidisturbios, ameazas con sancións administrativas por fotografaren policías ou a imposición do borrado de imaxes a un reporteiro gráfico.

Independentemente de que algunhas destas accións policiais poidan ou non estar amparadas por lexislacións como a denominada Lei Mordaza, que xa foi criticada polo Colexio de Xornalistas polas súas trabas á liberdade de prensa, a Xunta de Goberno quere denunciar e condenar os impedimentos postos polos corpos de seguridade á labor dos informadores. O libre exercicio dos e das profesionais da información é un dos alicerces do estado de dereito e as trabas ao seu traballo redundan nun déficit democrático para toda a cidadanía.

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas xa trasladou ás autoridades o seu malestar e preocupación por estes feitos e pide consensuar un protocolo de actuacións que permita que o traballo dos e das comunicadoras se realice con total garantía e liberdade durante calquera tipo de dispositivo policial.

Ademais, aínda que cómpre lembrar que a Constitución outorga a toda a cidadanía o dereito fundamental a comunicar información veraz e que non é necesario ningún tipo de identificación para exercer a profesión (o uso do chaleco é un acordo entre Interior e unhas asociacións privadas que non obriga a toda a profesión), o Colexio de Xornalistas quere insistir na importancia da colexiación como ferramenta para que as e os informadoras estean amparados contra estes e calquera outro tipo de incidentes que dificulten o exercicio do xornalismo.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia