O Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” familiarizan cos medios de comunicación a uns 2.500 escolares galegos

A segunda edición do programa Xornalismo na Escola rematou esta semana logo de visitar 44 centros escolares. Este ano Xornalismo na Escola chegou a 29 concellos de Galicia nos que se desenvolveron 91 obradoiros
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de Educación,Eventos

O Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” familiarizan cos medios de comunicación a uns 2.500 escolares galegos

A segunda edición de Xornalismo na Escola, un programa didáctico que dá a coñecer os medios de comunicación aos mozos galegos por iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, rematou este luns logo de tres meses intensos de percorrido por toda Galicia.

Case 2.500 alumnos de centros escolares das catro provincias participaron nesta edición do proxecto pedagóxico que chegou ao seu fin o luns, día 5 de xuño. Un grupo de 31 estudantes de 4º da ESO do IES Espiñeira de Boiro foron os participantes no último obradoiro que tivo lugar neste curso escolar.

Dende que comezou, o pasado día 2 de marzo, esta segunda edición do programa Xornalismo na Escola pasou por 44 centros escolares das catro provincias galegas. Os nove xornalistas participantes na iniciativa impartiron este ano 91 obradoiros e percorreron en total 29 concellos.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “La Caixa” desenvolveron por segundo ano consecutivo este programa de obradoiros co obxectivo de familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación e para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, que coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Con este programa didáctico tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Os centros escolares participantes na segunda edición de Xornalismo na Escola foron os seguintes: IES Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía de Arousa; IES Carlos Casares e IES Rosais 2, de Vigo; CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños; CPI de Cova Terreña, de Baiona; CPI de Pontepedriña, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Eduardo Pondal e IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela; IES A Sardiñeira, IES Agra do Orzán, IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, IES Ramón Otero Pedrayo e IES Urbano Lugrís, de A Coruña; IES A Xunqueira I, IES A Xunqueira II e IES Valle Inclán, de Pontevedra; IES As Lagoas, IES Eduardo Blanco Amor e IES Ramón Otero Pedrayo, de Ourense; IES Brión, de Brión; IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, de Celanova; IES de Cacheiras, de Teo; IES de Mugardos, de Mugardos; IES Espiñeira, de Boiro; IES Fernando Esquío, de Neda; IES Fragas do Eume, de Pontedeume; IES Francisco Aguiar, de Betanzos; IES Gregorio Fernández e IES Xograr Alfonso XII, de Sarria; IES Illa de Tambo, de Marín; IES Manuel García Barros, de A Estrada; IES María Casares, de Oleiros; IES Monterroso, de Monterroso; IES Nº 1 de Ribeira; IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e IES Sanxillao, de Lugo; IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas; IES Pino Manso, de O Porriño; IES Rego de Trabe, de Culleredo; IES Nº 1 de Ordes; IES Ricardo Carballo Calero, de Ferrol e IES San Mamede, de Maceda.

Nove xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– son as persoas que se ocuparon de levar a cabo os talleres. Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Álvarez, Elvira Álvarez, Ángeles Fernández Mayra e Víctor Sariego son os profesionais que impartiron os obradoiros nesta segunda edición.

O proxecto “Xornalismo na Escola”, que neste ano púidose seguir en twitter baixo o hashtag  #XornalismoNaEscola,  é unha iniciativa que naceu froito dun acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´La Caixa`. Na primeira edición desenvolvéronse con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación en toda Galicia. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros nesa ocasión.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta mesma iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares nos que se veñen celebrando obradoiros de semellantes características.