O Colexio de Xornalistas lembra a obriga de respectar escrupulosamente o dereito á intimidade dos menores

Ante a denuncia recibida pola aparición de informacións relativas a menores en Faro de Vigo e Diario de Pontevedra que permitían a identificación dunha persoa menor de idade
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Social

O Colexio de Xornalistas lembra a obriga de respectar escrupulosamente o dereito á intimidade dos menores

Ante a denuncia recibida pola aparición de informacións relativas a menores en Faro de Vigo Diario de Pontevedra que permitían a identificación dunha persoa menor de idade, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas lembra que proporcionar datos persoais que revelen a identidade de alguén menor é unha infracción grave do Código Deontolóxico, e insta a tratar con especial coidado este tipo de informacións.

A situación de especial vulnerabilidade e protección legal que teñen os menores de idade xustifica que a súa protección sexa tratada cun rigor extremo á hora de publicar informacións. Así, o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego dedica a este colectivo o seu artigo 11, que chama a “tratar con especial tino toda información que afecte a menores, evitando difundir a súa identificación cando aparezan como vítimas (agás no suposto de homicidio), testemuñas ou inculpados en causas criminais, sobre todo en asuntos de especial transcendencia social, como é o caso dos delitos sexuais. Tamén se evitará identificar contra da súa vontade ás persoas próximas ou parentes inocentes de acusados ou convictos en procedementos penais”.

O Colexio de Xornalistas ten insistido noutras ocasións na necesidade dun tratamento axeitado deste tipo de noticias, así como publicado unhas Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores.En todos estes casos, insistiuse na necesidade da protección da persoa menor de idade, a preservación da súa imaxe e o dereito á intimidade, á dignidade e ao anonimato de todas as persoas implicadas. Cómpre insistir en que de nada serve non publicar o nome das persoas menores de idade implicadas se se fornecen datos persoais e nomes completos da súa familia ou do seu ámbito máis cercano, que permiten unha doada identificación.

Para alén das obrigas deontolóxicas que impelen a un tratamento responsábel das informacións relativas a menores, compre lembrar que existe todo un marco xurídico (desde a Constitución Española ou a Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor a nivel estatal até a Declaración dos Dereitos do Neno ou a Convención sobre os Dereitos do Neno a nivel internacional) que establece o dereito á intimidade e á propia imaxe das persoas menores e que, no noso ámbito normativo, fai primar eses dereitos fronte ás liberdades de comunicación ou de información.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas quere trasladar ao conxunto da profesión xornalística que a protección da intimidade e dos datos persoais de menores é unha obriga moral, deontolóxica e legal, e que só cun especial coidado do tratamento destas informacións se pode exercer un xornalismo profesional, xusto e responsábel.