Coloquio en Cangas sobre o futuro do xeito e da pesca artesanal galega na UE, este venres ás 20hrs

No Salón de Plenos, coa eurodeputada Lídia Senra, o patrón maior da confraría Javier Costa, e os concelleiros Ánxela Vizoso e Mariano Abalo

Salón de Plenos do Concello de Cangas acollerá este venres, 14 de setembro, ás 20:00 horas, un coloquio sobre ‘O futuro do xeito e da pesca artesanal galega na Unión Europea’, no que intervirán aeurodeputada galega, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra; o patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa; a 2ª tenente de alcalde e concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego Local por Asemblea pola Unidade (ASpUN), Ánxela Vizoso Marcos; e o 3º tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Urbanismo e Patrimonio por Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), Mariano Abalo Costa.

A eurodeputada Lídia Senra anima a todas as persoas interesadas na situación do sector pesqueiro galego a acudir á cita. Nela, informará das negociacións que se están levando a cabo nas institucións europeas e que poden poñer en perigo a arte pesqueira do xeito, que a Comisión Europea xa intentou prohibir no ano 2014 e que agora, cando se está tratando o novo Regulamento sobre a Conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas, non está garantido que se vaia manter a dimensión da malla actual. “A día de hoxe, a proposta da Comisión sigue sendo que a dimensión da malla para pescar especies peláxidas pequenas con redes de deriva como é o xeito sexa 50 milímetros e a nosa emenda para modificar isto non foi aprobada, igual que tampouco o foron outras presentadas por outros eurodeputados no mesmo sentido”, asegura.

Senra leva tempo loitando para que se inclúa a especificación do uso de mallas de menos de 40 mm para a pesca da sardiña e chama a todo o sector a informarse e a mobilizarse na Galiza para facer forza e poder blindar esta exixencia, pois, do contrario, o sector podería verse moi afectado. No coloquio tamén se abordará a modificación do Regulamento de Control que agora mesmo está a debate no Parlamento Europeo e outras Resolucións aprobadas polo Parlamento Europeo como a que inclúe que en augas interiores, a pesca accidental artesanal quede fora de cotas. Así, abordaranse posibles medidas a tomar para que a Comisión e o Consello leven a cabo esta recomendación.

Co acto deste venres en Cangas, a eurodeputada dá comezo a unha serie de coloquios públicos nos que abordará esta cuestión. Así, tamén está organizado xa un coloquio similar para o sábado día 22 de setembro, ás 12:00 horas, en Cambados (será en Exposalnés, coa participación do concelleiro Constantino Cordal Rodríguez, de Somos Cambados); e o venres 5 de outubro, pola tarde, en Rianxo. Con estes coloquios, preténdese dar continuidade á campaña de información e sensibilización, despois de que xa numerosos concellos, alertados da situación pola propia Lídia Senra, aprobasen durante o verán mocións municipais en apoio ao xeito e a favor de presionar tamén á Xunta e ao Estado español para que se preocupen por estas cuestións.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM