Combarro acolle a primeira parada da mostra fotográfica ‘Vento nas velas’ de Xurxo Lobato

Deseñada para ser instalada ao aire libre, poderá visitarse na praza da Chousa desde mañá ata o 12 de abril
Publicado por o día 25/03/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

Combarro acolle a primeira parada da mostra fotográfica ‘Vento nas velas’ de Xurxo Lobato

Durante o día de hoxe estanse instalando na praza da Chousa de Combarro as estruturas cúbicas que compoñen a mostra ‘Vento nas velas’, na que se recolle o traballo fotográfico de Xurxo Lobato sobre a cultura marítima. A de Combarro é a primeira parada dunha exposición que percorrerá cinco concellos máis da provincia entre os meses de marzo e agosto deste 2019. Así, despois de pasar por Poio, onde permanecerá ata o 12 de abril, continuará a súa andaina por Bueu, A Illa de Arousa, Baiona e A Guarda. Estes cinco concellos foron seleccionados pola súa relación directa cos contidos presentados na exposición, tanto pola súa cultura mariñeira como polo seu patrimonio relacionado con este ámbito, e no caso concreto de A Guarda coincide coa circunstancia de que será o concello que este ano acolla o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

O obxectivo desta exposición fotográfica, pensada para expoñerse o aire libre, é de carácter didáctico, e centrado na filosofía de achegar ao público a cultura marítima da provincia. Deste xeito, o departamento provincial de Cultura e Lingua, continúa a liña iniciada en 2017 coa exposición de maquetas de barcos “Fasquías. Embarcacións tradicionais”. Ademais, a mostra que mañá se abre en Combarro, deriva de textos e fotografías publicados en 2017 no libro do mesmo título, “Vento nas velas”, e tamén da autoría do fotógrafo Xurxo Lobato.

Como a maioría das exposicións da área de Cultura e Lingua da Deputación, estará acompañada dunha actividade complementaria. Neste caso trátase dun espectáculo musical, con referencia á tradición musical ligada ao mar, e no que participarán o Orfeón do Berbés, Xurxo Souto e máis artistas. Este espectáculo terá lugar o 6 de abril ás 19:30h na Praza da Chousa.