O comercio local da man do modelo Pontevedra

O alcalde asinou un acordo con Aempe de 4 anos que inclúe achegas de 16.000 euros/ano e outro anual de 22.000 coa CCU-Zona Monumental
Publicado por o día 07/12/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

O comercio local da man do modelo Pontevedra

O alcalde Miguel Fernández Lores asinou hoxe cos presidentes da Asociación da pequena e mediana empresa (Aempe), José María Corujo e de CCU-Zona Monumental, Miguel Lago os convenios de apoio e colaboración a prol do comercio local, sector básico nunha cidade de servizos como Pontevedra. Nas sucesivas sinaturas estivo acompañado da concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías.

O convenio con Aempe foi reformulado e pasa a ser plurianual. Terá unha vixencia de catro anos, cunha contía 16.000 euros anuais.

No caso da CCU-Zona Monumental estase a traballar nun protocolo plurianual que a concelleira Anabel Gulías agarda ter listo para o próximo ano polo que o convenio asinado hoxe corresponde a colaboración anual que mantén o Concello coa asociación de comerciantes do casco vello e que suporá unha achega de 22.625 euros: 4.396,73 euros pendentes deste ano e 18.228,27 euros para o exercicio de 2018.

O alcalde lembrou que é obriga das administracións a recuperación dos espazos públicos e no caso, dunha cidade como a nosa, a promoción do comercio de proximidade. “Para nós e moi importante que Pontevedra sexa unha cidade atractiva, na que as persoas sexan o máis importante e onde o comercio local teña futuro”, sinalou Fernández Lores quen Engadiu que “unha cidade sen comercio non ten vida”.