Comeza a Comisión de Investigación da Sanidade co veto do PP ao formato aberto pregunta – resposta

Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Política,PSOE

Comeza a Comisión de Investigación da Sanidade co veto do PP ao formato aberto pregunta – resposta

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe “transparencia, claridade e utilidade real” na Comisión de Investigación sobre os recortes na sanidade pública. Así o dixo na sesión de hoxe do dito órgano, na que foron aprobadas as normas de funcioamento co rexeitamento do formato interactivo con pregunta – resposta por parte do PP.

O responsable socialista advertiu fronte á “vontade cercenadora” do Grupo Popular nesta Comisión creada por iniciativa dos grupos da oposición, na que comezaron vetando as emendas ás normas de funcionamento dirixidas a darlle máis axilidade ás sesións. O PP negouse ás propostas socialistas para implantar o mesmo formato das comisións de investigación do Congreso e para impedir o “abuso” das comparecencias secretas.

Torrado reclamara “formatos máis directos e operativos” que permitan “profundizar sobre as preguntas reais e demostrar se queremos investigar de verdade ou vir aquí a pasar rato, que para algúns será un mal rato”. Sinalou que “queremos saber realmente o que sucede e despois facer as conclusións, evitando unha sucesión de monólogos que irían contra a transparencia”.

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista instou a desenvolver unha “actitude propositiva” que permita “profundizar no que pasou na Estrada –onde faleceu un paciente ás portas do Centro de Saúde cando o médico estaba atendendo unha consulta externa-, ou cos enfermos da Hepatite C –que faleceron logo de que o Sergas lles negara o acceso á medicación-”.

Exemplo triste de Feijóo

Advertiu fronte ao “exemplo triste” que ten ofrecido o presidente da Xunta cando anunciou a súa comparecencia “por vontade propia”, unha fórmula que “non existe” nunha Comisión de Investigación, máxime cando se presentará “arrastrado polas circunstancias, pola petición da oposición e contra o seu criterio”.

Tamén apelou ás “declaracións desafortunadas” do portavoz do PP, apelando ao risco de converter o órgano “nun circo”. A Comisión, explicou foi constituída en contra do criterio do Grupo maioritario, utilizando unha potestade regulamentaria excepcional a pesares da cal necesita do voto do PP para aprobar as normas de funcionamento ou o plan de traballo.