- Libros para soñar retoma a súa programación para público infantil presentando o libro “A Escada Vermella”
LIBROS PARA SOÑAR vai inaugurar mañá a nova tempada de actividades cunha sesión de contacontos para público infantil e familiar na que, a partir das 18:30h, se presentará o álbum “A escada vermella”, do ilustrador Fernando Pérez Hernando. Trátase dunha fábula moderna protagonizada por un paxaro e un coello na que subxacen cuestións como a autoconfianza necesaria para acadar os obxectivos.
Durante este mes, as ilustracións deste libro ocupan a sala de exposicións da libraría infantil do Casco Vello. Son imaxes nas que destaca o colorido e a sinxeleza dos debuxos, que transmiten o sentido do humor que está presente no propio relato. O seu autor, Fernando Pérez Hernando, estudou na Escola de Artes Aplicadas e Deseño de Valladolid e traballa como deseñador e ilustrador, sendo “A escada vermella” o seu segundo libro infantil.
SESIÓNS PARA BEBÉS
Por outra parte, LIBROS PARA SOÑAR retomará as sesións de contos para bebés de seis meses a tres anos de idade. A primeira actividade, co lema “Contos de coellos e outros animaliños da granxa”, realizarase o mércores 14 ás 17:30 horas. Estas sesións especiais terán periodicidade quincenal: a seguinte celebrarase o mércores 28, co título “Contos para pitos e poliños”.
En próximos venres, as sesións de contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos estarán dedicadas aos coellos e os paxaros, que son os animais que protagonizan “A escada vermella”. A última actividade deste mes de outubro, programada para o venres día 30, rematará cun obradoiro de plástica creativa.
CURSO DE CONTACONTOS
Ademais, esta semana a actriz e narradora Beatriz Campos impartiu un curso de contacontos para adultos; hoxe remata a última sesión, de 18:00 a 21:00 horas. Haberá unha próxima quenda os días 16, 17, 18 e 19 de novembro en horario de 10:30 a 13:30 horas. O prezo da actividade formativa é de 40 euros e as personas interesadas en inscribirse poden dirixirse a LIBROS PARA SOÑAR no enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 43 37 68.
PRENSA KALANDRAKA
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.