Comeza en Ponteareas unha nova acción de formación e asesoramento dirixido a empresarios, autónomos e emprendedores

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, asistiu á apertura deste curso que a Consellería de Economía, Emprego e Industria realiza en colaboración coa Fundación Incyde dentro dos apoios ara os concellos afectados pola ola de incendios do pasado mes de outubro
Por o 05/06/2018 | Sección: Galicia,Ponteareas,Xunta de Galicia
Comeza en Ponteareas unha nova acción de formación e asesoramento dirixido a empresarios, autónomos e emprendedores
Compartir en:

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, asistiu esta tarde ao inicio do curso Diagnóstico e plans de acción para a mellora da competitividade das pemes organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), e que se enmarca nos apoios para formación de empresarios, autónomos e emprendedores dos concellos afectados pola ola de incendios do pasado mes de outubro.

Esta nova acción de formación e asesoramento, que se desenvolverá ao longo de sete semanas e que inclúe titorías adecuadas ás necesidades dos proxectos para facilitar a consolidación de novas iniciativas empresariais, está cofinanciado nun 80% polo Fondo Social Europeo (FSE).

Mediante esta iniciativa prevese facilitar, durante este ano, formación e asesoramento a máis de 250 autónomos, emprendedores e empresarios, preferentemente nas diferentes comarcas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia durante o ano pasado, a través de 12 cursos. En Beade e Ponteareas xa se desenvolveron os dous primeiros cursos, que remataron o pasado mes de abril e nos que participaron máis de medio cento de emprendedores e autónomos. Onte comezaron en Monforte de lemos e o vindeiro 11 de xuño farano en Bande (Ourense) e Lugo.

A iniciativa pretende acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos autónomos e emprendedores, facilitando a súa posta en marcha ou a súa consolidación nas primeiras fases de funcionamento.

Coa formación nos eidos do emprendemento e o autoemprego, facilitaráselle aos participantes unha visión global das distintas áreas funcionais dun negocio e os alumnos poderán determinar oportunidades de mercado e desenvolvemento do plan de empresa, sempre coa axuda de ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha ou consolidación.