Comeza o ciclo de concertos de «Sonoro empeño» a cargo de Carlos Quintá e a aula de acordeón diatónico da E – Trad

Realizarán un total de catro intervencións musicais na propia sala todos os sábados de novembro, ás 18.30 h, na Sede Afundación de Vigo
Publicado por o día 08/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

Comeza o ciclo de concertos de «Sonoro empeño» a cargo de Carlos Quintá e a aula de acordeón diatónico da E – Trad

No marco do proxecto multidisciplinar «Sonoro empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación», exposto actualmente na Sede Afundación de Vigo, Afundación, a Obra Social de ABANCA, organizaron unha extensa programación de actividades complementarias, co obxectivo de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e trasladar a actividade cultural fóra dos espazos onde se desenvolve tradicionalmente.

Mañá dará comezo unha nova proposta, o ciclo de intervencións musicais protagonizadas por Carlos Quintá e a aula de acordeón diatónico da E-Trad. Durante os catro sábados do mes de novembro, o músico tomará unha obra de cada un dos catro apartados nos que se divide a exposición para inspirarse e interpretar unha peza musical, acompañado dos alumnos e alumnas da E-Trad. Serán intervencións interactivas e abertas á participación dos asistentes, que incluirán, ademais do recital, comentarios sobre as obras. Mesmo se interpretará unha peza composta ex profeso por Benxamín Otero para esta actividade de «Sonoro empeño», baseada na obra Parsifal de Murado. Están pensadas tanto para público familiar como xeral e a entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.

A primeira terá lugar mañá sábado 9 de novembro, ás 18.30 h, e estará baseada nas obras Sombras, de Menchu Lamas, e Muchacha con violín, de Arturo Souto. Continuarán os sábados 16, 23 e 30 de novembro.

A EXPOSICIÓN

A través de 51 piezas firmadas por artistas como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, José Manuel Broto, Óscar Domínguez, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Elena Gago entre outros, este proxecto expositivo ilustra a relación e os puntos en común que comparten a música e as artes plásticas. Mediante obras pertencentes ás Coleccións de arte de ABANCA e Afundación, asume o ambicioso reto de amosar este vínculo, un tema que se repite ao longo da Historia da Arte e que foi obxecto de numerosas teorizacións e reflexións e o deu pé a novas formas creativas.

Son moitas as actividades que se realizarán no marco deste proxecto, organizadas para que os asistentes interactúen coa exposición e se evidencie a relación entre artes plásticas e música, e que van desde un obradoiro infantil de percusión para bebés, concertos de góspel ou un ciclo de cinema.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 4 de xaneiro na Sede Afundación de Vigo, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados, de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h