Comeza o curso de cultura do viño de nivel II convocado polo Instituto Galego do Viño e Afundación en Vigo

Publicado por o día 05/11/2019 na sección de Eventos,Formación,Galicia,Vigo

Comeza o curso de cultura do viño de nivel II convocado polo Instituto Galego do Viño e Afundación en Vigo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e o Instituto Galego do Viño continúan coa súa programación formativa sobre cultura e cata de viño na Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 26), unha proposta coordinada polo catador e director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas.

Mañá mércores 6 de novembro comezará o curso «Certificado en cultura do viño nivel II – Viños de España e Portugal» dirixido a afeccionados e profesionais de adegas e do ámbito da hostalería que realizasen previamente algún estudo ou formación relacionada co viño, especialmente aos alumnos que xa obtivesen a Certificación de Nivel Básico. Así, profundarán nas técnicas de viticultura e enoloxía, no coñecemento de variedades de uvas adicionais, iniciaranse no coñecemento da xeografía vitivinícola da península ibérica probando viños de diferentes zonas de España e Portugal e adestrarán as súas habilidades de cata.

O curso celebrarase os mércores 6, 13, 20 e 27 de novembro en horario de 19.00 a 21.30 h e será impartido polo equipo de sumilleres do Instituto Galego do Viño: Xoan Cannas, Juanjo Figueroa e Ismael López.