Comeza o despregue dos colectores de papel e cartón en toda a cidade de Pontevedra

En rúas como Eduardo Pondal, Peregrina ou Cobián Areal xa están completas as novas illas de reciclaxe
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Comeza o despregue dos colectores de papel e cartón en toda a cidade de Pontevedra

A Concellaría de xestión dos Residuos Urbanos (RSU) continúa coa renovación das illas de reciclaxe en todo o concello. Esta semana a empresa responsable do servizo de limpeza, comezou a instalación dos novos colectores de reciclaxe de papel na cidade. Xa están instalados en rúas como Eduardo Pondal, Cobián Areal ou Peregrina, entre outras. Son elementos similares aos colectores verdes (orgánica e resto) e aos novos amarelos pero con tapa de cor azul. Son máis accesibles para os usuarios e teñen máis capacidade que os colectores antigos de metal, que xa esgotaron a súa vida útil.

Mentres o servizo comeza a instalación destes novos contedores, tamén se completa o despregue dos de envases (verdes con tapa amarela) e dos de vidro (iglús verdes), que xa está moi avanzado na cidade.

Cabe lembrar que na zona urbana as illas de reciclaxe pasarán de 263 a 270; e no rural multiplicaranse pasando de 50 a 175, xa que esta renovación das illas tamén se estende ao rural.

A empresa tratará de colocar de madrugada estes colectores porque resultará máis fácil o despregue, pero nalgúns casos tamén o fará de día, polo que a concelleira Carme da Silva pide a colaboración e comprensión dos pontevedreses polos inconvenientes que poidan ocasionar estes labores.