Comeza o período de inscrición nas xornadas de saúde, humorías e memoria 

Por o 30/10/2017 | Sección: Cangas,Galicia,Salud
Comeza o período de inscrición nas xornadas de saúde, humorías e memoria 

A Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do concello de Cangas do Morrazo organiza as Xornadas de Saúde – Humorías e Memoria, que se celebrarán os días 15, 16, 17, 21, 22 e 23 de novembro. As xornadas consisten en seis obradoiros impartidos por Vanesa Sotelo de dúas horas cada un, o que supón un total de 12 horas para un grupo de 15 persoas. As actividades que neles se levarán a cabo perseguen desenvolver desde un aspecto lúdico, a expresión e a creatividade tomando como eixos o sentido do humor, a emoción, a cor e o gusto.

A inscrición está aberta ás persoas maiores de 18 anos e pódese realizar desde mañá martes ata o 10 de novembro no Centro de Benestar Social, rúa Andalucía, 3 Baixo Edificio Xoia ou nos teléfonos 986392266 – 986392268.

Estes talleres buscan, principalmente, dous obxectivos. Un deles xira arredor da gracia, posto que se pretende coñecer os diferentes tipos de humor que existen e descubrir a cor do humor que practica cada participante. O outro versa sobre a memoria, trátase de recuperar as lembranzas comúns e figuras destacadas na biografía das participantes; valorar a propia vivencia como material creativo.

A maiores, tamén se axudará a desenvolver a linguaxe oral, xestual e corporal; desenvolver a fluidez verbal; estimular a creatividade; potenciar a expresión escrita; expresar emocións a través do corpo e do xesto; desenvolver a imaxinación e a creatividade construíndo personaxes; traballar a escoita individual e grupal; exercitar a memoria individual e grupal ou intercambiar información e lembranzas.

As actividades que se levarán a cabo están divididas en dúas partes: unha dedicada a conversar e a compartir experiencias e referentes; e outra práctica destinada a traballar escenas e contos.

PRIMEIRA SESIÓN. PRESENTACIÓN. HUMORES, EMOCIÓNS E SENTIDOS.

SEGUNDA SESIÓN. HUMOR VERMELLO: RIR CO AMOR.

TERCEIRA SESIÓN. HUMOR VERMELLO: RIR CO PICANTE.

CUARTA SESIÓN. HUMOR NEGRO: RIR DO MEDO.

QUINTA SESIÓN. HUMOR NEGRO: RIR DO AMARGO.

SEXTA SESIÓN. CONSTRUCIÓN DUNHA HUMORÍA COLECTIVA.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.