Comeza a reparación de gran parte dos bancos da cidade de Pontevedra

Está previsto actuar nuns 400 bancos de distintas rúas e prazas do centro histórico e do resto da cidade
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

Comeza a reparación de gran parte dos bancos da cidade de Pontevedra

O Concello de Pontevedra inicia nestes días un zafarrancho de mantemento e reparación dunha grande parte dos bancos de madeira das rúas e parques da cidade, tanto no centro histórico como no resto de rúas. A empresa encargada de facer a obra é Naturgalia por 21.296 euros.

Estímase que con esta actuación terase actuado nuns 400 bancos, xa que a eles hai que incorporar a recente recuperación de todos os da Illa do Covo, labores que remataron hai escasos días. E tamén a rehabilitación prevista do banco-xardineira da praza de Santa María.

O traballo que se inicia nestes días consiste na limpeza de toda a estrutura -tamén dos pes de ferro dos que o teñen-, e no decapado, lixado e barnizado das madeiras que se realizará no mesmo sito no que se atopa o banco. Tamén se repararán ou substituirán aquelas táboas ou pezas que estean en mal estado ou que haxa que retirar.

Entran nestes labores, o mobiliario urbano situado en rúas e prazas como a da Audiencia provincial, San Xosé e Augusto González Besada, Praza da Liberdade, Frai Xoán de Navarrete, Sagasta, Curros Enríquez, Guitiérrez Mellado, San Antoniño, Alfonso XIII, Rosalía de Castro, Arturo Souto, Paseo de Colón, Cruz Gallástegui, Calasancias, Avenida de Vigo e Xermán Adrio, Pardo Bazán, Alfredo García Alén, Augusto García Sánchez, Arcebispo Malvar, Raíña Vitoria, César Boente, Verdura, Cobián Roffignac, Padre Luís, Barcelos, praza de Galicia, Avenida de Bos Aires…

A intervención na cidade hai que engadir a rehabilitación dos bancos da Illa do Covo, unha intervención que se fixo en semanas pasadas, así como unha restauración similar que se fará proximamente no banco da praza de Santa María.

Quedan fóra deste proxecto, aqueles bancos que se atopan en bo estado de conservación como poden ser os máis de 70 que hai no paseo de beiramar ou o medio cento das Palmeiras, entre outros.

A intervención no mobiliario urbano de madeira do Concello é habitual pasado certo tempo, dado que o uso e, especialmente, a climatoloxía deterioran o material dos bancos, de tal modo que non resultan agradables para o seu uso. E incluso poden chegar a resultar perigosos para os usuarios.