Comeza unha nova edición do Grao en Administración e Dirección de Empresas de IESIDE

Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Formación

Comeza unha nova edición do Grao en Administración e Dirección de Empresas de IESIDE

IESIDE dá comezo a unha nova edición do Grao en Administración e Dirección de Empresas que se impartirá a partir do vindeiro luns 10 de setembro no seu Campus de Vigo (avda. de Madrid, 60). Un total de 52 novos estudantes sumaranse aos 945 que xa cursaron esta titulación nas 23 promocións celebradas.

O Grao en Administración e Dirección de Empresas de IESIDE é o primeiro con dobre titulación internacional de Galicia. O programa está dirixido a preparalos para as necesidades da nosa contorna empresarial, por iso imparte formación máis aló da simple adquisición de coñecementos, mediante unha aprendizaxe práctica na que se fomenta o traballo en equipo e que permite a paulatina adaptación do estudantado ás necesidades do mercado laboral. Deste xeito, durante os catro anos que dura a súa formación, asisten a conferencias e encontros con directivos, introdúcense en situacións reais e acceden a un programa de prácticas xestionado polo servizo de orientación profesional de IESIDE.

A dimensión internacional refórzase co acordo asinado por IESIDE e a Dublin Business School, en virtude da cal os estudantes do grao en ADE-BBA poden obter a dobre titulación internacional especializada en: Business, Marketing, Marketing with Event Management, Financial Services, Marketing with Digital Media ou Business Information Systems.

A última enquisa realizada proporciona datos moi significativos. O 96 % dos estudantes de grao de IESIDE atopan traballo en menos dun ano. O 70 % atópao en menos do transcurso dun mes, mentres que o 30 % restante opta por estudar un posgraduado antes da súa incorporación continuada ao mundo laboral. Con respecto ao nivel de satisfacción, o 93 % dos graduados de IESIDE volvería elixir esta institución académica para os seus estudos de grao.