Comezan as Andainas da primavera, rutas guiadas para coñecer os espazos verdes do Gaiás

A andaina dirixe a atención sobre un itinerario de interese para turistas que atravesa o casco histórico, o barrio do Sar e o Bosque de Galicia
Por o 10/04/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Santiago,Vigo,Xunta de Galicia
Comezan as Andainas da primavera, rutas guiadas para coñecer os espazos verdes do Gaiás
Compartir en:

Representantes de diversas institucións, asociacións e colectivos da cidade de Santiago de Compostela participaron nun percorrido a pé entre a praza do Obradoiro e a Cidade da Cultura. Este itinerario, que atravesa puntos de alto interese turístico da capital galega, partiu do casco histórico –Patrimonio da Humanidade– para descender polo barrio do Sar e achegarse á Cidade da Cultura a través do Bosque de Galicia, a nova área verde nas ladeiras do monte Gaiás onde están a medrar 12.000 árbores de especies autóctonas.

O obxectivo desta pequena andaina, lembrou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, é evidenciar a proximidade da Cidade da Cultura co centro de Santiago, e dirixir a atención sobre unha fermosa ruta a pé, apta para todos os públicos, que combina atractivos de patrimonio histórico, artístico e medioambiental. Ao tempo, pretende chamar a atención sobre o novo acceso á Cidade da Cultura polo barrio do Sar para todos os que se acheguen a pé.

Román Rodríguez explicou que, coa segunda fase do Bosque de Galicia, actuación que se iniciará esta primavera, acurtaranse aínda máis os tempos para achegarse a pé a Cidade da Cultura ao ampliarse a trama de sendas abertas no monte, abríndose un percorrido máis directo desde o Sar.

Recurso turístico clave

En compañía do reitor da USC, Juan Viaño Rey; do concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, e o concelleiro, Agustín Hernández; do presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey; do presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira; do director de El Correo Gallego, José Manuel Rey; do coordinador do Grupo Colmeiro, Luis Caramés; do xerente do Xacobeo, Rafael García Bargiela; da xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e xunto a representantes institucionais do Arcebispado, asociacións de hostalería e do ámbito do turismo, empresarios, representantes públicos, medios de comunicación locais e entidades como o Santiago Futsal ou o Club Deportivo Fontiñas, entre outros, Román Rodríguez explicou que estamos nunha senda de “achegar o Gaiás a Santiago e Santiago ao Gaiás”.

Nese senso, fixo fincapé en que a Cidade da Cultura está chamada a xogar un papel clave en dous obxectivos turísticos estratéxicos para Santiago: a necesidade de incrementar o tempo medio de estadía na capital galega e contribuír a pór en valor puntos de interese turístico fóra da zona monumental.

 

Novo material promocional

O acto foi aproveitado para presentar parte do novo material deseñado para a promoción turística da Cidade da Cultura, e que estará na rúa xa durante esta Semana Santa. Deste xeito, os participantes na andaina recibiron o novo folleto no que figura precisamente o itinerario desde o Obradoiro ao Gaiás a través do barrio do Sar, convidando aos visitantes a gozar non só do atractivo arquitectónico do complexo, senón tamén do Bosque de Galicia e das xoias monumentais que atoparán ao seu paso, como o Arco de Mazarelos, única porta que se conserva da muralla medieval de Compostela, ou a Colexiata do Sar.

O conselleiro lembrou tamén que a mellora das comunicacións para achegarse ao Gaiás figuran entre as liñas prioritarias nas que se está a traballar e lembrou que está en marcha a conexión directa coa Autoestrada do Atlántico (AP-9), unha actuación que terá un gran impacto positivo na Cidade da Cultura.