Comezan as charlas e conferencias incluídas na programación das Xornadas Micolóxicas e Forestais 2017

Esta tarde no Pazo de Mos Esther Ordóñez falará sobre a Vespa Velutina
Publicado por o día 17/10/2017 na sección de Galicia,Mos

Comezan as charlas e conferencias incluídas na programación das Xornadas Micolóxicas e Forestais 2017

Hoxe comezaron no Pazo de Mos as conferencias e charlas incluídas no programa das XIV Xornadas Micolóxicas e Forestais de Mos organizadas conxuntamente polo Concello e a Comunidade de Montes de Mos. Todas darán comezo ás 20.30 horas da tarde.

A charla de hoxe, martes 17 de outubro, versará sobre a Vespa Velutina e levará por título ‘A Vespa Velutina, non só un problema para os apicultores, un problema para todos’. A ponente encargada de impartir esta conferencia será Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola Galega.

Mañá mércores 18 de outubro o título da conferencia será ‘Introducción ao mundo dos cogomelos’ e inpartiráa o ponente Hugo Fernández, biólogo especialista en Micoloxía da Universidade de Vigo.

O xoves 19 de outubro chegará a charla ‘Identificando champiñóns’ dirixida pola bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego, Puri Lorenzo.

O venres, día 20, José Luis Tomé da Federación Galega de Micoloxía impartirá a charla ‘Cociñando Cogomelos’.

Saída didáctica e gran degustación

Por último o sábado 21 e o domingo 22 chegarán a tradicional saída didáctica e a gran degustación de cogomelos, respectivamente.

O sábado de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a saída guiada didáctica para a recollida e identificación de cogomelos que contará coa presenza de dous monitores. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante as charlas anteriormente mencionadas, xa que o número de prazas é limitado.

E o domingo, día 22 de outubro, terá lugar a gran degustación de cogomelos e II Micromercado a partir das 12.00 horas no Pazo de Mos a cargo dos restaurantes: Adega da Tía Carmen, Bar Faquiña, O Cruceiro, Tapería A Cepa, A Favorita, Restaurante Tapra, e Bar Restaurante Curuxeira; e amenizada por Abeleiras de Alxán e Grupo Folclórico Nosa Terra de Pereiras.

Ademais de 10.30 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas, exposición e consulta sobre cogomelos aberta ao público. E ás 18.00 horas ofrecerase o espectáculo infantil ‘Que chovan contos e cantigas’ a cargo de Servando Barreiro e Anxo Moure.

E tamén, a partir das 17.00 horas, impartirase o obradoiro de cultivo de cogomelos a cargo do micólogo Miguel Ángel Rodríguez.