Comezan as obras de acondicionamento das últimas plantas do edificio de Benito Corbal, nas que se invisten máis de 800.000 euros

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á sinatura da acta de replanteo da segunda fase de rehabilitación, que se prolongará ata marzo de 2021

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á sinatura da acta de replanteo que supón o inicio das obras da segunda fase de rehabilitación do edificio de Benito Corbal. Dáse así comezo aos traballos para acondicionar as plantas 5ª, 6ª, 7ª e 8ª grazas a un investimento de máis de 800.000 euros.

Estas últimas plantas serán ocupadas pola Universidade de Vigo e pola Fundación Manuel Moldes. En concreto, a Universidade ocupará as plantas da quinta á sétima e, segundo explicou o vicepresidente, será a propia Universidade quen decida que usos darlle a este espazo; mentres que a Fundación Manuel Moldes situarase na oitava planta, e pasará a ser “unha referencia cultural” para Pontevedra.

Os traballos que comezarán de inmediato centraranse fundamentalmente no acondicionamento interior, para o que se colocará pavimento, núcleos de aseo e outras actuacións necesarias. Ademais, na oitava planta vaise demoler parte do forxado para crear unha dobre altura que permita acoller as obras de grandes dimensións do pintor Manuel Moldes.

O investimento para acometer estas obras superará os 800.000 euros e esperase poidan estar rematadas en marzo do próximo ano. Así, coa execución desta segunda fase, o investimento total en recuperar o edificio de Benito Corbal para a cidade ascenderá a máis de 5,6 millóns de euros.

Rueda destacou que con estes traballos o edificio estará “completado” e preparado para darlle “unha segunda vida”. Precisou, ademais, que a licencia do concello recibiuse este mesmo luns, e a acta de replanteo asinouse nesta mesma semana porque “non queremos perder ningún tempo”.

Primeira fase

A primeira fase de recuperación deste edificio supuxo un investimento duns 4,8 millóns de euros e permitiu rehabilitar as plantas que van do soto á cuarta planta, nas que xa están funcionando as oficinas de emprego e locais de asociacións ds cidade. Ademais, tamén se habilitaron outros espazos de usos xerais como un salón de actos, que xa acolleu ata o momento varios eventos. Co inicio desta segunda fase, remátase o acondicionamento deste edificio administrativo.

Grazas a este investimento, a Xunta recuperou para os pontevedreses un edificio no centro da cidade, un espazo moderno e versátil que é, ademais, eficiente enerxeticamente, en tanto emprega tecnoloxías como caldeiras de biomasa para calefacción, bombas de calor aire-auga, ou unha instalación solar fotovoltaica para a xeración de electricidade.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario