Comezan as obras de acondicionamento do acceso á praia do Muíño enmarcadas no proxecto de preservación e valorización do Río Miño transfronteirizo “Visit Rio Minho”

Uxío Benítez reclamou novos fondos europeos que permitan acondicionar o resto de sendeiros verdes galego-portugueses, un dos maiores atractivos do territorio transfronteirizo
Publicado por o día 10/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

Comezan as obras de acondicionamento do acceso á praia do Muíño enmarcadas no proxecto de preservación e valorización do Río Miño transfronteirizo “Visit Rio Minho”

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, anunciou hoxe o inicio das obras de acondicionamento do acceso á praia guardesa do Muíño, porta do espazo natural protexido do esteiro do Río Miño, durante unha visita a este enclave onde estivo acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba. Segundo explicou o deputado provincial, esta actuación insírese no proxecto Visit Rio Minho, de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, e permitirá a conexión dos dous sendeiros que desembocan no areal, un marítimo e outro fluvial, consolidando un novo treito da rede de sendeiros galego-portugueses do río Miño.

O director do AECT Rio Minho lembrou que “esta rede de sendeiros transfronteirizos é un dos maiores atractivos do territorio e dos que máis interese suscita, con máis de 100 km de rutas verdes que van desde os concellos de Crecente e Melgaço ata a desembocadura do río”. Así mesmo, Benítez aproveitou a ocasión para reivindicar “novos fondos europeos que permitan completar o acondicionamento do resto de sendeiros, e levar a cabo este ambicioso proxecto de valorización e promoción do territorio, que abrirá as portas á chegada dun turismo sostible e de calidade”.

Na actualidade, o acceso á praia do Muíño consiste nunha plataforma de recheo e un muro, así como un aparcamento a pé de praia. O proxecto de mellora e recuperación do acceso ao areal ten unha dobre finalidade, por unha banda a recuperación do entorno, preservando e protexendo un espazo de alto valor ecolóxico, e por outro, a mellora da accesibilidade e os servizos da praia para a cidadanía.

As obras inclúen a construción dunha rotonda cunha zona de carga e descarga, a creación dunha parada de bus, a ampliación das entradas ao areal con dúas pasarelas de madeira e a rexeneración da praia mediante o recuamento do muro de contención existente.

O orzamento de adxudicación da obra foi finalmente de 168.287,34 euros, o que supuxo un 12,44 % de baixa con respecto á licitación, resultando gañadora a empresa Marconsa S.L.

Visit Rio Minho é un proxecto de cooperación transfronteiriza, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Comentar noticia

Your email address will not be published.