Comezan as obras de ampliación e mellora do vial público en Duca, Santiago de Oliveira

En coordinación coa traída de augas tamén se realizará un novo trazado da tubaxe de abastecemento de auga
Publicado por o día 14/01/2020 na sección de Galicia,Ponteareas

Comezan as obras de ampliación e mellora do vial público en Duca, Santiago de Oliveira

A concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, visitou xunto cos técnicos responsables do proxecto o vial de Duca no que mañá comezarán as obras de ampliación e mellora.

As obras deste vial público, sito na parroquia de Santiago de Oliveira, foron adxudicadas por 128.109,04€ e dotarán dunha axeitada accesibilidade á zona de actuación posto que o camiño existente na actualidade apenas permite o paso dun vehículo lixeiro non sendo suficiente para o acceso, por exemplo, de vehículos de emerxencias.

Respondendo á demanda veciñal ensancharase nun dos tramos o camiño que na actualidade tamén carece de pavimentación e conta con anchuras inferiores a 2,5 m o que complica enormemente o paso diario de turismos dos veciños e veciñas que queren acceder as súas casas.

“Estaba entre os nosos obxectivos realizar canto antes esta obra para a que traballamos da man da veciñanza para as conseguir as cesións, estudar a tipoloxía de muros e a reposición de fosas sépticas”, explica Chus Garrote.

Con estas obras dotarase o camiño dun novo pavimento mediante o estendido dunha capa de asfalto en quente, ensancharase para facilitar o paso de todo tipo de vehículos e reporánse os subministros que se vexan afectados polas obras así como os muros e peches.

Ademais Chus Garrote engade que, en coordinación coa comunidade de augas de Santiago de Oliveira e dando resposta a súa petición, realizarase un novo trazado e se colocará nova tubaxe de abastecemento de auga.