Comezan as obras no cruzamento de Benito Corbal con De la Sota e Cobián Roffignac

Convertirase o actual cruzamento nunha praza circular e acometerase a rehabilitación integral do firme da rúa Daniel de la Sota
Publicado por o día 24/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Comezan as obras no cruzamento de Benito Corbal con De la Sota e Cobián Roffignac

O vindeiro mércores, 27 de xaneiro, está previsto o comezo das obras que convertirán o actual cruzamento das rúas Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac nunha praza circular. Unha actuación que acometen as Concellarías de Obras Urbanas e de Sostemento de Espazos Públicos, xestionadas por Demetrio Gómez e Eva Vilaverde, e que tamén contempla a rehabilitación integral do firme da rúa Daniel de la Sota. As obras implican un plan especial de tráfico e teñen unha duración prevista de arredor de dúas semanas, aínda que este prazo podería verse alterado polas condicións metereolóxicas. Así, cortarase a circulación na rúa Daniel de la Sota e trasladarase a parada de taxis á praza de Barcelos, que quedará situada no estacionamento en batería fronte á rúa Vasco do Ponte, deixando libres as prazas destinadas a mobilidade reducida. Mentres, o acceso e saída da rúa Benito Corbal para garaxes e servizos, no tramo entre Sagasta e Daniel de la Sota, quedará habilitado desde a praza de Barcelos a través da rúa Vasco da Ponte. Colocarase sinalización na confluencia da rúa Benito Corbal coa praza da Peregrina e na intersección das rúas Sagasta e Castelao, e durante os primeiros días reforzarase a información a condutores coa presenza dun operario de control de acceso. Este dispositivo, como é habitual, complétase con información á veciñanza e colectivos afectados polo peche do tramo en obras.

Convén lembrar que esta intervención, que se adiou ata despois do período de Nadal para non interferir na campaña do comercio local, suporá transformar ese cruzamento nun espazo de estancia, de preferencia peonil e de alta calidade urbana, substituíndo o actual

asfalto vermello por formigón puído confinado entre bandas de pedra. Neste sentido, utilizaranse solucións xa probadas noutras intervencións da cidade como son o pavimento de formigón puído que deixa á vista os áridos como está por exemplo na cabeceira norte da ponte do Burgo, e o uso de bordillos circulares como por exemplo na praza do cruce da rúa da Seca con Casimiro Gómez e Fernando Olmedo. Ademais, aproveitaranse os bordillos circulares para integrar e unificar as beirarrúas no conxunto da futura praza. A actuación, que ten un orzamento de 48.000 euros, será executada pola empresa COVSA.