Comezan as rozas de maleza, limpeza de vías e espazos de convivencia e naturais do rural

Varias brigadas encargaranse de manter en boas condicións as vías municipais, os espazos de convivencia, os adros das festas e os espazos naturais de lecer das 15 parroquias.
Por o 10/06/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
Comezan as rozas de maleza, limpeza de vías e espazos de convivencia e naturais do rural

Case rematada a primavera, o Concello de Pontevedra pon en marcha o agardado dispositivo de rozas e limpezas das vías municipais do rural. Nas vindeiras semanas e até o remate do verán, o Concello actuará en todos os puntos das quince parroquias con brigadas distintas para retirar a maleza que durante os meses do inverno e, especialmente, da primavera foron invadindo distintos espazos públicos no rural. Segundo explicou esta mañá a viceportavoz do Goberno, Anabel Gulías participarán nestes labores a empresa concesionaria do servizo de residuos urbanos, Ferrovial, ademais de Xoán XXIII e a empresa Silvareira. Os traballos comezan hoxe mesmo pola
parroquia de Bora, e continuarase polo resto do rural: Mourente, Tomeza, Marcón… co propósito de aproveitar ao máximo os recursos.

As brigadas estarán integradas por unhas 20 persoas e contarán con diversos medios manuais como sopradoras, limpadoras, motoserras, desbrozadoras manuais, pero tamén coa axuda de tres tractores desbrozadores.

Os traballos que desenvolverán pódense estruturar en dous grupos: a limpeza e roza das vías municipais e o acondicionamento dos espazos de convivencia cidadá: puntos de centralidade parroquial, adros da festa ou espazos naturais de encontro e uso veciñal.

O propósito destes traballos é mellorar a seguranza viaria nas vías municipais e manter a calidade de vida nos espazos de convivencia e encontro das parroquias tanto para os veciños como para os centros de usuarios que teñen ao longo de todo o verán.

As vías municipais e centralidade parroquial

No caso das vías municipais comezarase a traballar polas estradas principais para continuar polo resto de vías até as secundarias deixando en perfecto estado as comunicacións internas das parroquias e as vías de conexión entre as 15 parroquias e os seus diversos núcleos.

Ademais, está previsto unha actuación singular e detida nos espazos de centralidade parroquial como en Salcedo, Campañó, Cerponzóns…

Unha brigada será a encargada de mellorar espazos de convivencia e de encontro veciñal en espazos naturais do rural como as sendas dos ríos, carballeiras, espazos de xogo… en distintas parroquias. É un traballo que se desenvolverá ao longo do verán para que poidan ser gozadas por todos os pontevedreses e os visitantes nos vindeiros meses. Un cuarto punto de traballo será en todos os adros das festas dos distintos lugares das
parroquias do rural. Limparanse e rozaranse días antes da celebración local cunha brigada específica que, momentaneamente, deixará as súas ocupacións para adicarse a estes puntos. Tamén terán un tratamento específico aqueles espazos ou vías nos que está previsto celebrar eventos doutro tipo durante o verán, como as numerosas citas deportivas.

Dende o Concello quérese agradecer a “paciencia” dos veciños do rural por agardar a chegada destes traballos até agora. O Goberno é consciente da incomodidade que pode supoñer a maleza, pero de iniciar antes as rozas só cabería ter que repetilas, dado que na primavera é cando máis crece pola chuvia, a humidade e o calor.

Comentar noticia

Your email address will not be published.