Despois de que durante toda a última lexislatura o Concello de Tomiño reclamase a implantación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020 para Tomiño, na actualidade as obras necesarias están en plena execución por parte da compañía R Galicia. No núcleo de Tomiño estanse a levar a cabo os traballos de obra civil para a rede de distribución no Seixo, Barro e Cotro. Paralelamente, estase a acometer o cableado e tendido de fibra óptica; tarefas que se estenderán até o mes de xuño.
Concretamente, estanse a facer as obras civís de canalización no núcleo de Goián, as que se prevé finalizar a finais deste mes, segundo informa o concelleiro Antonio Tartaglione, responsable das áreas de Promoción Económica e Réxime Interior. Estas obras corresponden á rede de distribución para dar servizo aos núcleos de A Gándara e Tollo; Avenida Ordoñez e Brasil. En paralelo a estes traballos, se está a acometer, tanto en Goián coma en Tomiño, o cableado e tendido de fibra óptica, que se estendera até o mes de xuño.
Comezarase tamén a partir desta semana a obra civil da rede de distribución no núcleo de Tomiño, necesaria para dar servizo aos núcleos de O Seixo, Barro, e Cotro.
O proxecto ten agora mesmo dúas compoñentes que condicionan o prazo no que se comezará a dar servizo: por un lado, a finalización do tendido da troncal de fibra óptica para chegar aos núcleos de Goián e Tomiño, dende A Guarda pola estrada xeral (avanzado ao redor do 60%, correspondente á parte máis problemática xa executada) que podería rematarse en poucas semanas se non xorden atrancos imprevistos. E por outro, dispoñer de tensión eléctrica nos armarios de comunicación instalados en Goián e Tomiño.
“As mellores estimacións nos permitan comezar a ter servizo inicialmente nos núcleos de O Seixo e Avenida Ordoñez e Brasil, e a partir de aí e de maneira gradual, ir implementando o servizo nos barrios de Tollo e A Gándara, e en Tomiño nos de Barro e Cotro, e finalmente, na parroquia de Figueiró, que son os núcleos obxecto deste primeiro proxecto de despregamento de rede de alta velocidade no noso Concello”, explica o concelleiro Antonio Tartaglione.
Noticias de última hora en Vigo