Comezan a funcionar composteiros comunitarios en San Brais e Eduardo Pondal

Mestras composteiras estarán, os dous días, de 17.00 a 19.30 horas a pé de obra para informar e guiar a veciñanza no correcta selección de residuos a compostar
Por o 05/03/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Comezan a funcionar composteiros comunitarios en San Brais e Eduardo Pondal

Pontevedra segue adiante, chanzo a chanzo, na súa aposta pola compostaxe, unha aposta que nesta semana traducirase na posta en marcha dos primeiros composteiros comunitarios nos barrios de San Brais (Salcedo) e Eduardo Pondal-O Gurgullón, segundo informou a concelleira de Servizos, Carme da Silva.

Hoxe mesmo, 5 de marzo, entrará en funcionamento o composteiro comunitario de San Brais (instalado entre as rúas da Corva e Santa Lucía) e o próximo mércores, 7 de marzo, será a quenda do instalado na avenida Eduardo Pondal (cruzamento co rúa Teixoeira). Nas dúas xornadas, hoxe e o mércores, mestras composteiras estarán a pé do centro de biorresiduos co fin de informar, aclarar dúbidas e guiar a veciñanza na correcta selección de lixo orgánico e no uso do composteiro.

A posta en marcha de cada un dos composteiros comunitarios ven precedida dunha solicitude dos representantes veciñais -a Asociación Salcedo Norte e a Asociación Eduardo Pondal-, avalada co compromiso asinado de veciños/as de compostar.

San Brais é un barrio de borde urbano, un espazo limitado (14,9 ha. de superficie), con 220 habitantes e 180 vivendas unifamiliares, que xeran algo máis de 83 toneladas de lixo ao ano do que arredor de 42 son biorresiduos (sumando os orgánicos domésticos e os restos vexetais).

Ademais do comunitario, no barrio distribuiranse composteiros individuais e se se está avaliando, por unha banda, a petición formulada por varias familias de pequenos composteiros individuais para darlle saída a herba, ao céspede do xardín e, por outra, a solución para os tres grandes produtores do barrio.

No caso do barrio Eduardo Pondal-O Gorgullón o primeiro composteiro comunitario, conta co compromiso asinado de uso de 44 familias da zona. Paralelamente a asociación de veciños está a canalizar o interese e a demanda de novos composteiros formulados desde distintos puntos do barrio polo que está en marcha a recollida de sinaturas co fin de solicitar ao Concello máis centros de compost.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.