As obras da Ponte do Burgo, cofinanciada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entran mañá nunha nova fase de execución. Comezarán os traballos na cabeceira sur (a próxima a Valentín García Escudero) para resituar o paso de peóns na cabeceira da ponte que permita acceder directamente á praza onde se atoparon os achados arqueolóxicos da ponte medieval.
Estes traballos obrigarán a pechar un carril da avenida de Bos Aires en cada sentido dende mañá até o mércores, ambos días incluídos. O peche de mañá comezará ás 10.00 horas e os de martes e mércores será a partir das 09.00 horas.
Neste punto, o proxecto de reforma da Ponte do Burgo recolle que se muda o paso de peóns (agora situado á man esquerda en dirección ao centro histórico) para resitualo na cabeceira da ponte, dándolle continuidade ao trazado peonil histórico do Camiño de Santiago.
A obra consistirá na creación dun paso elevado de grandes dimensións para darlle continuidade ao Camiño de Santiago de tal xeito que os peóns podan entrar directamente na ponte.
Dende mañá, o proxecto da Ponte do Burgo executarase en todo o seu ámbito de actuación:
- Na cabeceira Sur, coa creación do novo paso de peóns cara Valentín García Escudero.
- Na cabeceira Norte, no entronque con Domingo Fontán e Xoán Manuel Pintos, onde se está a deseñar unha gran praza de máis de 4.000 metros cadrados con máis de 40 árbores, mobiliario urbano, bancos e papeleiras. E onde continuará a plataforma única da ponte, pero con lousas de granito.
- O taboleiro da Ponte do Burgo que se atopa nos últimos días de instalación do novo lousado de pedra, con plataforma única de 11 metros de ancho. Terá iluminación rasante indicando o Camiño de Santiago, e outra na varanda lateral (tamén rasante).
A obra civil da reforma da Ponte do Burgo foi adxudicada á UTE Imesapi – E.C.Casas por valor de 1.326.977 euros e a Setga a iluminación por 730.840 euros. En total, 2.057.817 euros. A licitación global de partida era de 2.561.390,91 euros: a obra civil por valor de 1.700.598,75 euros e a iluminación por 860.792,16 euros.
A peonalización da Ponte do Burgo está incluída dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) Máis Modelo Pontevedra, financiada con 10 millóns de euros polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020. Esta reforma entra dentro da liña de traballo de mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, e na que tamén se inclúe a reforma da rúa Gorgullón, practicamente rematada.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.