A Comisión de Obras coñece os proxectos da Fracha e o Gorgullón da man dos seus autores

Estas dúas importantes inversións municipais foron expostas polo enxeñeiro redactor do proxecto da Fracha, e os arquitectos que elaboraron a reforma do Gorgullón, que atenderon todas as preguntas dos grupos da comisión
Publicado por o día 20/06/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

A Comisión de Obras coñece os proxectos da Fracha e o Gorgullón da man dos seus autores

A Comisión de Mobilidade, Obras e Servizos analizou esta mañá os proxectos do Parque forestal da Fracha e da reforma do Gorgullón, da man dos seus autores: Javier Centeno, enxeñeiro técnico agrícola no caso do primeiro proxecto; e dos arquitectos Daniel Gómez Ayuso e José Vicente Rodríguez Pagán, no caso do segundo.

Os autores explicaron pormenorizadamente os proxectos e contestaron as dúbidas presentadas polos grupos políticos que integran a comisión. Sobre o parque da Fracha explicóuselles que terá un custe aproximado de 600.000 euros e que os traballos poderían comezar este ano. O Concello asumirá o mantemento do espazo durante 35 anos, logo das cesións das comunidades de montes de Marcón, Tomeza e A Canicouva, e creará un área de lecer con 26 quilómetros de sendas, tres áreas de estancias e miradoiros.

Sobre a reforma do Gorgullón, como entrada do Camiño de Santiago na cidade, os autores explicaron que terá plataforma única e a ruta xacobea estará sinalizada cunha cor e pavimentos diferenciados. Remodelarase o entronque coa avenida da estación, peonalizarase a rúa Muíño pola súa pendente, e cambiarán de sentido de circulación as rúas Moa e travesía Eduardo Pondal. O proxecto ten un custe de 1,5 millóns.