A Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Público de Galicia solicita documentación complementaria ás empresas para establecer se procede o inicio da resolución dos contratos

Vázquez Mourelle avanza que se trasladará esta información á Inspección de Traballo para comprobar a veracidade dos datos aportados e analizar o proceso de subrogación
Publicado por o día 24/08/2017 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Público de Galicia solicita documentación complementaria ás empresas para establecer se procede o inicio da resolución dos contratos

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participou hoxe na segunda reunión da Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Público de Galicia, na que se lle solicitou documentación complementaria ás empresas nas que se se detectaron problemas coa subrogación dos traballadores para establecer se procede o inicio da resolución dos contratos.

A comisión celebrará unha nova xuntanza o vindeiro xoves para avaliar esta información adicional solicitada co obxectivo de adoptar as medidas correspondentes.

Vázquez Mourelle fixo fincapé en que “o Goberno galego non vai tolerar que o plan se use para reducir plantilla máis alá da subrogación”.

A conselleira explicou que as empresas saíntes deberán acreditar suficientemente o número de traballadores adscritos á concesión, que polo tanto son obxecto de subrogación. Precisou que no caso de producirse un incumprimento desta cláusula por parte da empresa entrante, a Administración autonómica poderá iniciar a resolución do contrato e efectuar a prohibición de realizar novas contratacións coa Xunta.

A titular de Infraestruturas tamén avanzou que se dará traslado desta información á Inspección de Traballo co obxectivo de comprobar a veracidade dos datos aportados e analizar o proceso de subrogación.

O novo Plan de Transporte contén cláusulas moi claras para blindar a estabilidade dos traballadores, polo que tanto a empresa entrante como a saínte deben facilitar a subrogación dos traballadores e cumprir a lei e as cláusulas acordadas.

A conselleira reiterou que o acordo en materia laboral ratificado entre a Xunta e os sindicatos no marco deste plan, representa unha referencia a nivel nacional ao establecer con tal grao de concreción as obrigas das empresas adxudicatarias a manter aos traballadores e as súas condicións laborais. Neste sentido, subliñou que o Goberno galego continúa traballando co obxectivo prioritario de blindar os postos de emprego no sector.