A Comisión de Urbanismo coñece as modificacións da ordenanza de veladores

A concelleira destaca a positiva reunión cos hosteleiros e pídelles que retiren as estruturas de plástico que resgardan as terrazas dado que está considerado ocupación de vía pública.
Por o 07/12/2017 | Sección: Galicia,Pontevedra
A Comisión de Urbanismo coñece as modificacións da ordenanza de veladores
Compartir en:

A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías entregou esta mañá aos grupos municipais o borrador da modificación da ordenanza de veladores, incluído na comisión como punto fóra da orde do día, para que o estuden e fagan suxestións. O propósito é que este texto normativo sexa debatido na vindeira comisión -ou en reunións puntuais-, e levalo a aprobación no pleno de xaneiro de 2018.

Tamén fixo hoxe unha valoración positiva da reunión mantida onte cos hostaleiros da cidade sobre a modificación desta ordenanza, aínda que recoñeceu que houbo puntos de fricción como a diferenza de opinión sobre a presenza dos plásticos laterais ou frontais que colocan para amparar os veladores.

Anabel Gulías indicou que estes elementos “dan unha mala imaxe da cidade, especialmente no centro histórico. E non queremos caer no risco de que o centro histórico sexa unha sucesión de plásticos”. Tamén lles recordou que o uso destes toldos acoutando o espazo público, pode ser entendido como o uso privativo do espazo público, situación que non o ampara a ordenanza de veladores.

Polo tanto, instounos a que fosen retirando estas estruturas, xa que están catalogadas como unha infracción moi grave dentro da ordenanza que fixa multas entre os 300 e os 3.000 euros.

Na reunión tamén debateron outras demandas como a presenza de pombas ou gaivotas nos veladores, entre outras propostas, das que a concelleira se comprometeu a abordar en vindeiras reunións.

As modificacións da ordenanza de veladores son as seguintes:

    • Horario único, de 9.00 horas a 01.30 horas. Trátase de conxugar a actividade hostaleira co descanso nocturno. Reservarase ao alcalde e á Xunta de Goberno local a potestade de facer modificación puntuais xustificadas do horario por festas, eventos deportivos, etc.
    • Garda de materiais. Poderanse sacar os materiais e equipamentos (mesas, cadeiras…) fóra do local dende a súa apertura máis só poderanse instalar os veladores no horario establecido.
    • Réxime de sancións. Cuantificaranse os incumprimentos. As sancións poderán ir de 300 a 3.000 euros
    • Substituirase a actual viñeta por outro mecanismo de control mais efectivo e actualizado
    • Regularanse a ocupación dos velador co obxectivo de garantir sempre a accesibilidade. O espazo mínimo libre dunha beirarrúa terá que ser de 1,80 metros (agora é de 1,50)
    • Habilitarase un instrumento de actuación para que o Concello teña a posibilidade de intervir no despregue de veladores en zonas complexas ou onde existan intereses enfrontados (por exemplo en prazas).