Comité de Política Social en Pontevedra denuncia falta de persoal e deficiencias na Residencia do Maior

Alertan que a situación do centro pon en risco a saúde dos usuarios/as
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Comité de Política Social en Pontevedra denuncia falta de persoal e deficiencias na Residencia do Maior

O comité de empresa da Consellaría de Política Social na provincia de Pontevedra vén de iniciar unha campaña para denunciar a existencia de deficiencias e a falta de persoal na Residencia do Maior, o que repercute negativamente sobre a calidade asistencial e mesmo pon en risco a saúde dos usuarios/as.

Dende a representación dos traballadores/as de Política Social lembran que dende finais do ano 2015 veñen trasladándolle á Consellaría “a situación perentoria en materia de persoal e infraestruturas na que se atopa o centro”, sen que o departamento autonómico fixese nada ao respecto.

En concreto, reclaman a creación dunha enfermaría, a reformulación do servizo de ascensores por seren insuficientes e non ter unhas condicións axeitadas para a mobilidade das persoas usuarias, a instalación de tomas de aspiración e de tomas de osíxeno nas habitacións para persoas asistidas, a modificación integral do 3º e 4º andar para adaptalos ás persoas usuarias, a mellora do departamento de cociña e a modificación dos usos do montacargas.

En canto á instalación das tomas e a dotación de comedores, entenden que se trata de cuestións especialmente graves e urxentes, xa que moitas das persoas usuarias non contan con estes e outros elementos necesarios para a súa seguridade e ademais teñen que recibir a alimentación nas súas camas pola súa inmobilidade, “o que aumenta o risco de morte por atragoamentos, aspiracións, etc.”.

Outras cuestións necesarias son contar con comedores e salas de estar en todas as plantas, a modificación do acceso á cafetaría do centro para as persoas que viven na residencia, a necesidade de maquinaria na enfermaría, comedor, lavandería e cociña e a finalización das obras no comedor do 4º andar.

Falta de valoración do grao de dependencia

Ademais, fan especial fincapé na problemática derivada da falta de valoración real do grao de dependencia das persoas usuarias, “o que fai que non teñamos un coñecemento real da tipoloxía das persoas que temos no centro”.

No que ten que ver coas necesidades de persoal, consideran prioritaria a contratación de dúas persoas para enfermaría, cinco persoas para auxiliares de enfermaría e dun cociñeiro/a coa categoría a negociar.

Ante a falta de resposta da Xunta a respecto de todas estas cuestións, o comité de empresa decidiu iniciar unha campaña de denuncia da situación que comezou co envío de escritos á Valedora do Pobo, Inspección de Traballo, Fiscalía de Pontevedra, Deputación, Concello e aos catro grupos parlamentares galegos.