O comité de empresa da adxudicataria da limpeza da Xunta en Santiago pide paralizar o novo concurso

Solicitou unha reunión cos grupos parlamentarios e por terceira vez coa Secretaría Xeral de Presidencia
Por o 03/02/2017 | Sección: CC.OO,CIG,CUT,Sindicatos,UGT,Vigo,Xunta de Galicia
O comité de empresa da adxudicataria da limpeza da Xunta en Santiago pide paralizar o novo concurso
Compartir en:

O comité de empresa de Santiago da actual adxudicataria do Servizo de Limpeza da Xunta de Galiza -Grupo Norte- , conformado pola CIG, UGT, CCOO e CUT, demanda a paralización do concurso publicado o pasado día 3 de xaneiro, para a adxudicación da nova contrata.

Denuncian que aínda non se lles remitiu por parte da Secretaría xeral Técnica de Presidencia, tal e como se comprometeu -por escrito- a facer o pasado mes de maio, a documentación do conxunto da oferta presentada pola actual adxudicataria. Ademais, dadas as irregularidades detectadas no prego de contratación do actual concurso, consideran que mentres non se entregue a oferta anterior e se clarifiquen e subsanen esas irregularidades ten que ser paralizado.

O comité solicita a oferta porque todas as realizadas polas empresas conteñen aspectos relativos a cuestións, non só administrativas, se non tamén laborais e de desenvolvemento do traballo. Entre outras sinalan número de horas totais ofertadas ou en que prazo e cando se teñen que cubrir as diferentes ausencias (baixas, vacacións…)

Sinala que estas cuestións, para poder corroborar o seu cumprimento, ou son coñecidas pola representación das traballadoras/es ou se non estes quedarán nunha situación de absoluta indefensión, máis cando polo que ten acontecido nestes últimos anos “constatamos que a propia administración non está a velar polo seu cumprimento”.

A modo de exemplo lembran que a actual contrata implicaba a limpeza de fachadas dos edificios da Xunta de Galiza. Porén cando se levaba aproximadamente un ano desde o inicio da concesión os servizos de contratación da Xunta de Galiza iniciaron a elaboración dun prego de concurso para contratar xustamente ese servizo de fachadas. Subliñan ademais que, “de non ter habido vixilancia sindical teríase duplicado así o custo económico da contrata”.

Xunto a isto denuncian que tampouco se está a vixiar se se cumpren os compromisos de cobertura de ausencias que a empresa obrigatoriamente tivo que ofertar e que, sen dispor desa oferta o comité de empresa tampouco ten ferramentas para o poder verificar.

Denuncian ademais que no censo de traballadores/as que se aporta como anexo aos pregos do actual concurso mesmo hai centros nos que aparecen reflectidos máis traballadores dos existentes, por non falar de traballadores/as que se reflicten de xeito duplicado ou dalgúns/has que figuran malia levar xubilados varios anos.

Subliñan que, en moitos casos, se reflicten traballadores/as con categorías laborais  superiores ás que lles constan en nómina, o que contribúe a confundir á hora de avaliar os custes salariais.

Todos estes feitos vense, mesmo, acreditados polas preguntas que diferentes empresas están realizando no perfil do contratante da Xunta e polas contestacións que desde a propia Xunta se remiten, que poderían levar a pensar que se busca favorecer a unha única empresa neste concurso.

Por todo isto, desde o Comité de Empresa, reiteran que mentres non se clarifiquen estes feitos, así como mentres que non se corrobore o cumprimento do ofertado na anterior licitación (ano 2014) “esiximos a paralización do actual concurso, entendendo que de non producirse a clarificación desta documentación e das irregularidades mencionadas so podería ser compatíbel con que desde a Administración se pretenden ocultar datos de cara á clarificación e control das ofertas realizadas”.

Ademais, reiteran, que van proceder a solicitar xuntanzas con todos os grupos do Parlamento Galego a fin de trasladarlles esta situación, e adiantan a súa intención de demandar, xa por 3ª vez, da Secretaría Xeral Técnica de Presidencia, “que se nos entregue a oferta realizada por Grupo Norte na anterior licitación”.